A Xunta e os representantes de distintas entidades do colectivo de autónomos -APE Galicia, ATA Galicia e UPTA-Agtamar- analizaron na última xuntanza da Mesa do Emprego Autónomo de Galicia o desenvolvemento de distintas medidas para impulsar o traballo deste sector que en Galicia representa arredor dun 20 % da poboación afiliada, preto de 4 puntos máis que a media nacional. En concreto, no encontro, presidido polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, deuse conta da boa evolución das solicitudes da orde unificada de axudas para persoas traballadoras autónomas, dotada con máis de 40 M€ e que está aberta ata o 30 de setembro. Esta orde abarca cinco programas que van desde o inicio da actividade aos de consolidación e mantemento e tamén incorpora os apoios á conciliación e a quen desexe volver emprender tras cesar a súa actividade.

Tamén se puxo de relevo a aposta de Galicia polo emprendemento ligado ao territorio como un motor fundamental de xeración de riqueza e de emprego de calidade. Neste eido na xuntanza abordouse o importante papel de asesoramento gratuíto da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, que conta con 15 oficinas distribuídas por toda Galicia nas que se levan atendido máis de 4.500 proxectos e que é unha das medidas que levaron a comunidade galega a recibir o premio Rexión Emprendedora Europea 2025. Outra das cuestións tratadas foi a futura Estratexia Mocidade Activa, que incluirá distintas iniciativas encamiñadas a impulsar o emprego xuvenil, tanto por conta propia como por conta allea e afondouse nas utilidades da Oficina virtual do emprego autónomo.

Loading...