Trátase da terceira edición destas axudas que promoven accións formativas non formais e de curta duración á carta das necesidades das empresas e dirixidas especificamente aos seus cadros de persoal, prevendo beneficiar a 1.500 persoas
A iniciativa destaca pola súa flexibilidade, podendo solicitarse ata tres accións formativas, cada unha de entre 16 e 100 horas, que poderán ser adaptadas a nivel de contidos, programas ou persoal docente segundo o que precise cada compañía
Como novidade, inclúese como un ámbito de capacitación prioritario o das tecnoloxías limpas e eficientes, que se suma aos campos do dixital, o industrial, o de xestión e o de servizos a clientes
A orde, de carácter bianual, poderá solicitarse desde hoxe e ata o 15 de setembro
A Xunta abre hoxe o prazo de solicitudes da nova orde de Bonos Talento Empresa, unha iniciativa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración dotada con dous millóns de euros. Trátase dunha liña de axudas destinada a fomentar accións formativas non regradas, de curta duración e deseñadas especificamente para dar resposta ás necesidades particulares de cada empresa.
O obxectivo principal é reforzar as competencias dos cadros de persoal, cun enfoque nos ámbitos dixital, industrial, de xestión, de atención personalizada e de servizos á clientela. Como novidade nesta edición, incorpórase tamén formación vinculada coas tecnoloxías limpas e o uso eficiente dos recursos, aliñada coa transición verde que está a transformar o tecido produtivo.
Detalles da convocatoria
A orde, de carácter bianual, poderá solicitarse ata o 15 de setembro por parte de empresas de calquera tamaño e autónomos con persoal contratado, contemplando axudas de ata 25.000 euros. A iniciativa destaca pola súa sinxeleza administrativa, esixindo só uns requisitos mínimos: que as entidades teñan centro de traballo en Galicia e tres anos de antigüidade, e que as persoas participantes sexan traballadores/as en activo da mesma. Outra das súas principais vantaxes é que se trata dunha formación non regrada e, polo tanto, non suxeita aos requisitos doutras liñas de formación.
Os proxectos formativos —de modalidade presencial e compostos por un máximo de tres accións, cada unha de entre 16 e 100 horas— poderán adaptarse no relativo a contidos, programas, persoal docente ou lugar de celebración segundo as necesidades concretas de cada solicitante. Deste xeito, preténdese que as empresas dean resposta áxil e flexible a unha contorna laboral de cambios cada vez máis rápidos, especialmente no contexto da dobre transición dixital e verde.
No que respecta á celebración das accións formativas, no caso da anualidade 2025 poderán impartirse desde o día seguinte da publicación da orde no DOG ata o 31 de outubro. As celebradas desde o 1 de novembro de 2025 —e deica o 30 de setembro— computarán no ano 2026.
Pulo á formación flexible
Co lanzamento desta nova edición, coa que se prevé beneficiar 130 empresas e formar a arredor de 1.500 persoas, a Xunta consolida o seu impulso a novas vías de formación apostando por aprendizaxes breves e flexibles que faciliten unha adaptación rápida ás novas esixencias do mercado laboral, considerando absolutamente estratéxico flexibilizar a formación para o emprego e atender a dous propósitos fundamentais: atender ás necesidades específicas das empresas galegas e reforzar as competencias e habilidades dos seus traballadores, promovendo a recualificación e a reciclaxe continua.
Ligazón á orde no DOG: