A directora xeral de Xuventude acompañou un grupo de 30 mozos e mozas participantes neste programa a unha visita ao centro de Mestrelab en Santiago
Resaltou “a oportunidade de experimentar o día a día das persoas que traballan nunha empresa referente, coñecendo as súas traxectorias profesionais”
A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, acompañou hoxe un grupo de 30 mozos e mozas que participan no programa Xuventude Mentoring nunha visita ao centro de investigación onde desenvolve o seu traballo a empresa de datos científicos Mestrelab Research. Trátase dunha das entidades colaboradoras desta iniciativa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude enfocada en facilitar o contacto co mundo laboral da mocidade galega.
Así, tal e como explicou a representante da Xunta, trátase dunha empresa que vén colaborando co programa desde edicións pasadas, “tanto con este tipo de visitas que organizamos para que os mozos e mozas coñezan de primeira man a actividade nun centro de traballo, como aportando persoas mentoras que aconsellan e guían coa súa experiencia aos participantes”.
Neste senso, Lara Meneses destacou “a implicación coas xeracións que están a buscar o seu camiño profesional” a través do Xuventude Mentoring de entidades “de gran relevancia en sectores punteiros como o da xestión de datos”. Así, durante o percorrido, o grupo puido adentrarse no funcionamento dunha empresa referente nos servizos de procesamento e análise de datos no ámbito farmacéutico e biotecnolóxico, con presenza internacional. “Toda unha oportunidade para experimentar o día a día das persoas que traballan nesta compañía, coñecendo traxectorias profesionais e o funcionamento do departamento de recursos humanos”, sinalou.
Sétima edición do programa
Desde o seu comezo, no ano 2021, levan participado no Xuventude Mentoring máis de 1.500 mozos e mozas accedendo así a unha oportunidade que lles posibilita traballar con mentores que lles asesoran de xeito continuo, á vez que poden realizar actividades formativas, asistir a eventos e visitar empresas. Nesta sétima edición, en desenvolvemento, incribíronse un total de 207 persoas, das cales un 10% xa forma parte do mercado laboral. Nas seis edicións anteriores, grazas a este programa acadou a inserción laboral unha media dun 50,3% das persoas participantes, un 60% na edición do ano pasado.