-
Como exemplos da colaboración público-privada, González destacou a revolucionaria convocatoria de apoios a accións formativas para persoas desempregadas, lanzada onte tras un redeseño integral, ou a nova orde do Bono Talento Empresa
-
Definindo a Galicia como unha terra de oportunidades, remarcou a aposta por facilitar a captación de talento dun xeito ordenado, con fortes medidas para a diáspora e tamén para os traballadores de terceiros países
-
Neste plan salientou fitos como o Retorna Cualifica Emprego -dirixido aos galegos do exterior- ou o aval do Consello Consultivo para solicitar o traspaso das competencias executivas en materia de autorizacións iniciais de traballo para persoas estranxeiras
-
Referiuse á aposta do Goberno galego por potenciar o diálogo social para abordar retos como a loita contra o absentismo laboral inxustificado, esa parte “inadmisible”, en definición do catedrático da USC Santiago Lago
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, puxo hoxe de relevo a aposta innovadora do Goberno galego pola atracción planificada de talento e a flexibilización real da formación. Neste último eido, salientou medidas pioneiras en España como a nova convocatoria de apoios a accións formativas para persoas desempregadas, publicada onte no DOG e á que a Xunta destina 50 M€, ou para persoas ocupadas, con ferramentas como as unidades formativas -8M€- ou a nova orde dos Bono Talento Empresa, dotada con 2 M€ e que sairá mañá.
En relación coa nova edición de apoios para accións formativas destinadas a persoas desempregadas, esta foi definida polo conselleiro como unha revolución que sitúa a Galicia á vangarda, a través dunha orde pioneira que aposta pola colaboración público-privada para axustar esta formación ás necesidades reais do tecido produtivo. Nesta liña, resaltou importantes novidades como a posibilidade de impartir pílulas formativas e, na formación de longa duración, introducir por primeira vez a formación dual obrigatoria.
Así o expuxo na inauguración do Encontro da Toxa 2025: Galicia: Economía Aberta, organizado polo Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia (Cesuga), que se celebra hoxe e mañá na Illa da Toxa e no que tamén participan o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles; o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo. Alí, definindo a Galicia como unha terra de oportunidades, o titular de Emprego debullou o programa de atracción de talento do Goberno galego, con ferramentas dirixidas tanto á diáspora galega como á persoas traballadoras de terceiros países, sempre apostando por unha migración ordeada e da man das empresas galegas.
Atracción de talento exterior
No referido ao retorno da comunidade galega no exterior, a Xunta conta coa Estratexia Galicia Retorna que inclúe ferramentas como o programa Retorna Cualifica Emprego, para canalizar o regreso de profesionais cualificados cun contrato de traballo en firme, contribuíndo á cobertura de vacantes en Galicia nun esforzo no que foi fundamental as innovadoras feiras de emprego celebradas en marzo na Arxentina e no Uruguai.
A isto súmanse as medidas dirixidas aos traballadores procedentes de terceiros países, onde a Xunta ve clave que Galicia asuma as competencias executivas en materia de autorizacións iniciais de traballo para persoas estranxeiras, cuestión que o Goberno autonómico solicitará formalmente tras o informe favorable do Consello Consultivo de Galicia. Este traspaso, subliñou José González, é fundamental para axilizar os procesos e impulsar a planificada estratexia de captación de talento que promove o Goberno galego.
Estas medidas súmanse ás accións internas para a potenciación do capital humano xa residente en Galicia, co foco nas mulleres ou a mocidade. Para a retención de talento mozo salientou programas como investigo e de 1º experiencia profesional, dos que a Xunta acaba de reforzar as edicións deste ano con 1,2 M€ adicionais para as empresas.
Diálogo social
Ademais, o conselleiro puxo o Encontro da Toxa como exemplo da colaboración público-privada e do diálogo social. Neste sentido, subliñou a importancia da colaboración da tripla hélice -empresa, academia e administración- a prol dunha xestión eficaz do talento e adaptada ás necesidades do mercado laboral. Ademais, destacou a aposta da Xunta por potenciar o diálogo social cun futuro decreto que establecerá a súa composición e funcionamento. Como mostra de cuestións que se abordan ao abeiro deste espazo, salientou a loita contra absentismo laboral inxustificado, esa parte “inadmisible”, en definición do catedrático da USC Santiago Lago e para a que se creou unha mesa específica e se encargou un informe ás universidades de Santiago e Vigo co fin de propoñer medidas para reducir o seu impacto e sobre o que se afondará proximamente.