A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou hoxe en Lugo nunha xornada de escoita activa con representantes das empresas do tecido produtivo da cidade, relacionada coas novas accións formativas para persoas desempregadas (AFD) para as que proximamente se lanzará unha nova convocatoria de achegas. Esta xuntanza ten como fin a posta en común e creación de sinerxías neste eido e enmárcase na estratexia da Xunta para implicar a estrutura económica e empresarial da comunidade no deseño das políticas activas de emprego.

Neste sentido, durante a xornada recolléronse achegas e prioridades do sector co obxectivo de continuar axustando a oferta formativa á realidade económica e produtiva da comunidade, contribuíndo así a mellorar a utilidade e impacto dos cursos na empregabilidade das persoas desempregadas. A directora xeral subliñou a importancia de aliñar a formación profesional coas necesidades reais das empresas, avanzando cara a un modelo máis áxil e eficaz, capaz de dar resposta á demanda de talento do mercado laboral galego.

Loading...