José González clausurou o curso de xastrería, onde puxo en valor a relevancia desta experiencia de aprendizaxe integral, a primeira da súa clase en Galicia e única no ámbito institucional a nivel estatal, promovida pola Fundación Artesanía de Galicia

O conselleiro remarcou que o curso de xastrería, desenvolvido na academia de Ana Prados, forma parte do programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas, orientado á profesionalización e dinamización do sector artesán

Entre 2023 e 2025 desenvolvéronse case unha vintena de formacións en áreas coma a sombreirería e noutras como a xastrería, acibechería, ourivería, patronaxe, marroquinería ou olería

González lembrou a recente publicación no DOG da convocatoria dos Premios Artesanía de Galicia 2025, que recoñecen o talento, a formación e a traxectoria no sector e para os que o prazo de presentación de candidaturas abrirá o 15 de setembro 

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, xunto co director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou esta mañá ao alumnado do Curso de perfeccionamento de técnicas de xastrería, impartido polos xastres Fernando Freire -inscrito no Rexistro xeral de Artesanía- e Ramón Lareo -o seu oficial-. A visita coincide co último día da presente edición do curso, que é unha continuación da formación en xastrería artesanal iniciada no período académico 2023/2024, unha iniciativa pioneira en España á que se dará continuidade o vindeiro curso.

José González sinalou que esta formación se encadra no programa pioneiro Aprender da tradición. Oficios e técnicas e responde ao interese crecente nesta actividade de persoas de diferentes perfís, como graduados e estudantes en deseño de moda na EASD Mestre Mateo, titulares de obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia e profesionais da artesanía que están en proceso de inscrición do obradoiro.

Neste caso concreto, o curso, que se imparte na academia de Ana Prado -artesá inscrita tamén no Rexistro xeral de Artesanía— céntrase na elaboración de prendas como pantalón e chalecos, usando técnicas artesanais e materiais de calidade. Isto permite, explicou o conselleiro, formar futuros xastres cunha base sólida teórica e práctica para crear pezas de alta calidade, que poidan traballar por conta propia ou para marcas referentes do mercado. Nesta liña, o conselleiro puxo de relevo o labor de Fernando Freire e Ramón Lareo, pola súa implicación persoal e laboral na formación de novos profesionais e na transmisión das técnicas tradicionais da xastrería.

Aprender da tradición

En relación co programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas, José González explicou que con el o Executivo autonómico promove a conservación dos oficios de sempre respectando a tradición e, ao tempo, evolucionando da man da innovación. Ademais, impúlsase a profesionalización no sector artesán, a atracción de talento mozo e promóvese a remuda xeracional en oficios tradicionais. Ao abeiro desta iniciativa, desde 2023 -ano no que xorde-, programáronse case unha vintena de cursos en áreas coma a sombreirería, a xastrería, acibechería, ourivería, patronaxe, marroquinería ou olería. Ademais, para o vindeiro curso 2025-2026 están previstos, polo momento, preto dunha decena de cursos, algúns relacionados con áreas das xa mencionadas.

Premios Artesanía de Galicia 2025: talento, traxectoria e futuro do sector

Por último, o titular de Emprego, Comercio e Emigración lembrou que o pasado martes, 24 de xuño publicouse no Diario Oficial de Galicia a convocatoria dos Premios Artesanía de Galicia 2025, do que o prazo de presentación de candidaturas será desde o luns 15 de setembro ata o venres 26 de setembro—. Con esta iniciativa, Galicia aposta pola profesionalización do sector e a formación continua de artesáns que teñan ata 45 anos de idade -con tres premios na categoría Bolsa Eloy Gesto- e o recoñecemento da creatividade e da mestría do sector artesán galego, a través das categorías Premio Artesanía de Galicia e Premio Traxectoria, respectivamente. En total destinaranse 21.000€, 9.000€ para o Premio Artesanía de Galicia e 4.000€ para investir en formación en cada unha das Bolsas Eloy Gesto

Loading...