O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, interviu na xornada organizada pola Fundación Nortempo `Retos locais, respostas globais: Demografía, Migración e Emprego´

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, interviu na xornada Retos locais, respostas globais: Demografía, Migración e Emprego organizada pola Fundación Nortempo na que se ofreceu unha diagnose rigorosa da situación actual do mercado laboral en Galicia desde perspectivas económicas, sociolóxicas e demográficas, coa posterior apertura dun foro de diálogo para, entre os participantes, tentar de dar solucións aos interrogantes que se achegan.

Durante a súa intervención, o secretario xeral fixo fincapé nos retos do mercado laboral como é facilitar a cobertura de vacantes, atendendo así ás necesidades de talento do tecido produtivo e que poida continuar xerando emprego de calidade. Nese senso, resaltou que a Xunta está a traballar para dotar ao mercado laboral dos perfís máis demandados, tanto no mercado interno —modernizando o Sistema Público Emprego de Galicia ou apostando pola formación flexible á carta das empresas— como no externo.

No eido do mercado externo, Fernández destacou o éxito da Estratexia Galicia Retorna e en concreto do programa Retorna Cualifica Emprego, co que se busca favorecer a volta á nosa Comunidade de persoas que emigraron ou dos seus descendentes con traballos ofertados en orixe da man das empresas, co obxectivo desta nova andaina de beneficiar uns 200 residentes no exterior menores de 55 anos deica finais de 2025, incorporando novos apoios para que poidan acceder de xeito máis doado a unha vivenda.

Loading...