A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, respondeu hoxe na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos a unha pregunta relacionada co impacto na comunidade do Plan de formación permanente do persoal do SPEG
Zeltia Lado mencionou que o plan forma parte do proceso de modernización do sistema público de emprego, no que se inclúe tamén a implantación da ferramenta EMi, que permitiu realizar o perfilado competencial de arredor de 60.000 persoas
Subliñou que desde a implantación do Plan de formación permanente, preto de 1.800 traballadores do SPEG participaron nas accións formativas do Executivo galego, dos que o 95 % obtiveron aproveitamento, o que reflicte o seu bo uso
Sinalou que se convocarán 450 prazas para accións formativas ás que tamén poderá acceder o persoal das oficinas de retorno para contribuír de xeito máis eficaz a captar e reter o talento dos galegos do exterior no marco da Estratexia Galicia Retorna
A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, respondeu hoxe ante a Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos a unha pregunta relacionada co impacto na comunidade galega do Plan de formación permanente do persoal do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG), en vigor desde o ano 2022 e que contribúe á mellora das competencias e habilidades dos seus empregados da man da Escola Galega de Administración Pública (EGAP).
Lado sinalou que durante os anos 2022 e 2023 o plan estivo financiado pola Unión Europea —no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia—, pero desde o ano 2024 desenvolveuse integramente con fondos propios. Inda sen contar co apoio do Goberno central , destacou que o Plan de formación permanente forma parte do proceso de modernización do SPEG, no que se inclúe tamén a implantación da ferramenta de intelixencia artificial EMi, galardoada pola Comisión Europea. Esta ferramenta, permite axustar en tempo real as demandas de man de obra do tecido produtivo aos perfís das persoas demandantes rexistradas polo servizo público dando resposta así ao reto da cobertura de vacantes e, desde setembro de 2024, xa ten permitido o perfilado competencial de máis de 60.000 persoas.
Ademais, Zeltia Lado sinalou que actualmente se continúa a mellorar a ferramenta EMi para dotala de novas funcionalidades, ampliando os servizos ás empresas e posteriormente ás persoas que posúan esas competencias, ao mesmo tempo que se mellora a capacidade de identificación das competencias requiridas en cada concello, o que permitirá identificar as formacións prioritarias para cada territorio.
Formación das persoas traballadoras do SPEG
No eido dos traballadores do SPEG, Lado sinalou que a formación continua é un piar fundamental para garantir a calidade do servizo desenvolvido polo persoal. Nese senso, destacou que desde a posta en marcha do programa se produciu a incorporación de case medio centenar de orientadores e se realizou formación en aspectos xenéricos referentes ao emprego e á evolución do mercado laboral, así como tamén en cuestións específicas do servizo público de emprego. Ademais, subliñou que desde a implantación do Plan de formación permanente, preto de 1.800 traballadores do SPEG participaron nas accións formativas organizadas polo Executivo galego, das que o 95 % obtiveron aproveitamento.
Formación tamén para o persoal das oficinas de retorno
A maiores, Zeltia Lado sinalou que se convocarán 450 prazas para accións formativas ás que tamén poderá acceder o persoal das oficinas de retorno. O obxectivo de estender esta formación ao persoal das oficinas de retorno é que poida adquirir coñecemento do mercado laboral de Galicia e dos servizos que presta o SPEG e así contribuír de xeito máis eficaz a captar e reter o talento dos galegos e galegas do exterior no marco da Estratexia Galicia Retorna, ademais do das persoas residentes en Galicia.
Esta ferramenta é un apoio para seguir favorecendo o dinamismo do mercado laboral, que no mes de maio acadou a cifra de paro máis baixa de toda a serie histórica con 111.641 parados. Ademais, rexistrou o mellor nivel de afiliacións á Seguridade Social nun mes de maio de toda a serie (2004), con 1.094.806 persoas, e a segunda cifra histórica máis alta, rozando o máximo absoluto rexistrado en xullo de 2008 (1.094.898), cunha diferencia de só 92 persoas.