A delegada informou que a Xunta apoia con máis de 6,1M€ a 24 entidades da cidade da Coruña para levar a cabo 127 Accións Formativas para Desempregados

Estes cursos permiten ás persoas sen emprego adquirir competencias profesionais adaptadas ás necesidades actuais do mercado laboral, mellorando así as súas opcións de inserción ou reincorporación ao mundo do traballo

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, visitou as instalacións do centro de formación Praxis, dirixido por Roberto Lage, presidente da Asociación de Empresas de Seguridade de Galicia, para supervisar os cursos de Accións Formativas para Desempregados (AFD) que está organizando este centro. En total, recibiron máis de 240.000 euros para levar a cabo 8 cursos de Vixilancia, Seguridade Privada, Protección de Persoas e Protección de Explosivos nos que se están a formar, ata o de agora, a 128 alumnas e alumnos. Concretamente, a delegada visitou o curso de Vixilancia, Seguridade Privada e Protección de Persoas que se está a impartir nestes momentos.

Na visita Belén do Campo informou que na cidade da Coruña reciben estes apoios un total de 24 entidades para levar a cabo 127 cursos cun apoio da Xunta de máis de 6,1 millóns de euros. A delegada destacou que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración continúa apostando pola formación como ferramenta clave para mellorar a empregabilidade en Galicia. Esta iniciativa, financiada pola Xunta, ofrece itinerarios formativos gratuítos e especializados en sectores con alta demanda laboral.

Os cursos AFD permiten ás persoas sen emprego adquirir competencias profesionais adaptadas ás necesidades actuais do mercado laboral, mellorando así as súas opcións de inserción ou reincorporación ao mundo do traballo.

As accións formativas AFD están orientadas tanto á adquisición de certificados de profesionalidade como ao perfeccionamento de habilidades específicas, e abranguen desde niveis básicos ata formacións técnicas avanzadas. Esta diversidade permite adaptar a oferta ás características e intereses das persoas participantes.

A Xunta de Galicia reafirma así o seu compromiso cunha formación útil, práctica e conectada coa realidade produtiva da comunidade, promovendo a igualdade de oportunidades e contribuíndo á dinamización do emprego local.

Orde 2024

Belén do Campo destacou que esta primeira convocatoria está dentro das accións formativas do Plan Formativo para o Emprego de Galicia 2024-2026 e contou cunha partida inicial de 76 millóns de euros, resolvéndose en 2024, en concorrencia competitiva, por un importe próximo aos 72,1 millóns de euros para impartir ao redor de 1.500 cursos, coa previsión de que poidan participar máis de 23.300 persoas Neste senso apontou que do importe global desta orde o 33% do orzamento corresponde á provincia da Coruña. A Xunta continúa así a reforzar a formación para o emprego.

A delegada da Xunta considerou de “gran importancia” estes cursos e asegurou que hai un “gran compromiso” por parte da Xunta co fomento do emprego e o ofrecemento de ferramentas “útiles” que axuden á formación. “Estes investimentos teñen un gran impacto na vida das persoas. Non só porque poden aprender un oficio ou mellorar as habilidades que xa teñen, senón porque as poñemos directamente en contacto co mundo laboral e sabemos que moitas veces iso é o máis difícil”, engadiu.

Os apoios autonómicos van dirixidos de xeito prioritario ás persoas desempregadas, aínda que tamén poden participar nos cursos as persoas traballadoras ocupadas ata un límite do 30% das prazas, sempre e cando non se cubran con persoas sen emprego.

Loading...