O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, visitou hoxe o expositor da Xunta na feira Expobusiness Compostela e os das distintas empresas participantes nesta cita, que reúne compañías de todos os sectores -desde iniciativas emerxentes ata máis consolidadas- para amosar os seus proxectos aos visitantes. Esta feira, celebrada na Alameda compostelá, tamén conta cun foro de emprego que conecta empresas que procuran talento con persoas en busca activa de emprego ou mellora profesional.
Ademais, inclúe mesas redondas e charlas con líderes empresariais e distintos profesionais centradas no debate sobre innovación, dixitalización e o futuro do tecido empresarial galego. Trátase dunha iniciativa enmarcada no evento Santiago en Vivo, que acolle Santiago de Compostela esta fin de semana e da que tamén forma parte Compos(tech)la, un espazo con demostracións en directo de avances tecnolóxicos e de innovación como robots, aplicacións relacionadas coa intelixencia artificial ou videoxogos, entre outras actividades.