O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, salientou hoxe as sinerxías entre a economía social e a artesanía a prol da integración laboral das persoas con discapacidade, eido no que puxo en valor o labor dos centros especiais de emprego e a creatividade como un apoio. Neste sentido, engadiu que a creatividade ten moito que ver co emprendemento e coa artesanía. Así o sinalou na inauguración do foro Seres de Ben, que se desenvolve hoxe no Teatro Principal de Ourense baixo o lema A creatividade humaniza e que incorpora mesas redondas, conferencias e estreas audiovisuais con profesionais vencellados ao selo Artesanía de Galicia e doutras disciplinas como a radio, o cinema, a música e tamén representantes do movemento asociativo.
Alí estiveron ademais o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo e o director de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e o conselleiro puxo en valor a artesanía de Galicia como exemplo de emprendemento ligado ao territorio e o apoio da Xunta a este sector a través da Fundación Artesanía de Galicia como selo de identidade e garantía de calidade. Esta aposta vese reflectida no Plan Estratéxico de Comercio 2025-2030, dotado con 320 M€ e que inclúe máis de 70 actuacións para impulsar o comercio de proximidade, entre elas medidas dirixidas a promover a remuda xeracional e fomentar novas vocacións de emprendemento vencelladas á artesanía.