A comunidade galega rexistra en maio 111.641 persoas desempregadas, o nivel de paro máis baixo de toda a serie por segundo mes consecutivo, tras o rexistrado en abril deste mesmo ano, con 115.545 persoas
Ademais, acada o máximo nivel de afiliacións á Seguridade Social nun mes de maio e a segunda cifra histórica máis alta de toda a serie, practicamente igualando ao rexistrado en xullo de 2008 (1.094.898), cunha diferencia de só 92 persoas
Galicia é a segunda comunidade autónoma na que máis descende o paro en termos relativos na comparativa mensual e a terceira na comparativa anual, en ambos casos a un ritmo superior á rexistrada na media do Estado
O paro diminuíu no último ano nas catro provincias, nas sete grandes cidades e en todos os sectores de actividade, liderando a caída o sector da construción, seguido do primario, a industria e os servizos
No caso dos colectivos prioritarios, a cifra de mulleres desempregadas e de parados de longa duración é a menor de toda a serie e a de persoas paradas menores de 30 anos é a máis baixa dun mes de maio desde que hai rexistros
Galicia acada en maio o nivel de desemprego máis baixo de toda a súa serie histórica (desde 1996), con 111.641 parados, rexistrando ademais un descenso tanto na evolución anual (-8,52) como na mensual (-3,38), en ambos casos a un ritmo superior ao reflectido na media do Estado. Trátase do segundo mínimo histórico consecutivo tras o rexistrado no mes de abril, con 115.545 persoas paradas. Ademais, acada o mellor nivel de afiliacións á Seguridade Social nun mes de maio de toda a serie (2004), con 1.094.806 persoas, e a segunda cifra histórica máis alta, rozando o máximo absoluto rexistrado en xullo de 2008 (1.094.898), cunha diferencia de só 92 persoas. Así o destacou o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, na valoración dos datos relativos ao mes de maio realizada hoxe.
O conselleiro tamén puxo de relevo que Galicia é a segunda comunidade autónoma na que máis descende o paro en termos relativos na comparativa mensual e a terceira na comparativa anual e especificou que neste caso avantaxa ao conxunto do Estado en 2,65 puntos (-5,87). En canto ás afiliacións á Seguridade Social, o titular de Emprego destacou ademais que Galicia conta con 17.514 afiliacións máis en relación a hai un ano.
Tamén en relación coa evolución anual subliñou que o paro cae nas catro provincias, nas sete grandes cidades e en todos os sectores económicos, liderando a caída o sector da construción (-14%), seguido do primario (-13,27%), da industria (-11,92%) e, por último, dos servizos (-7,64%).
Ademais, o titular de Emprego salientou a boa evolución e a redución do paro nos colectivos prioritarios en relación a hai un ano. Tanto no caso das mulleres desempregadas como nos parados de longa duración rexístrase a cifra máis baixa de toda a serie histórica de datos (desde maio 2005), con 65.542 e 56.742 persoas respectivamente e unha caída interanual do -7,95% no caso das mulleres e do -9,01% no caso dos parados de longa duración. Tamén diminúe o paro no último ano nos menores de 30 anos, rexistrando a cifra máis baixa para un mes de maio desde que hai rexistros, con 12.322 persoas.
Ao respecto da contratación, esta aumenta tanto de xeito interanual nun +3,07 % como de xeito intermensual, con preto dun +21%.
Nesta liña, subliñou que os últimos datos indican que Galicia vai na boa dirección e que o Goberno galego continuará apostando por un mercado laboral dinámico, inclusivo e que xere emprego de calidade.