O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe na Mesa de comercio local de Noia —na que tamén estivo o alcalde do municipio, Jose Santiago Freire—, onde puxo de relevo a importancia deste tipo de encontros nas principais vilas e cidades galegas para adoptar medidas adaptadas á realidade do sector. Neste sentido, o director xeral animou aos concellos a ir da man do tecido comercial das súas respectivas contornas para reunir aos principais axentes involucrados neste eido económico fundamental para a xeración de riqueza e emprego na nosa Comunidade. Estas reunións deben servir, engadiu, para o debate e a reflexión co obxecto de tomar as mellores decisións de cara a dinamizar o comercio local.
Ao remate da reunión, Gabriel Alén, participou na presentación da tarxeta agasallo Corazón de Noia, unha iniciativa organizada pola Asociación de Comerciantes e Profesionais Noia Histórica para canxear nos distintos establecementos adheridos do municipio, co obxectivo de incentivar as compras, fortalecer o comercio de proximidade e contribuír á dinamización da economía local, sendo esta un aspecto fundamental para o crecemento e benestar da comunidade.