O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández. inaugurou a xornada ‘Persoal técnico en PRL: invisibles no éxito’, organizada polo Issga no marco das actividades con motivo do Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo

Ademais, a Xunta publica hoxe unha declaración institucional con motivo desta conmemoración, que se celebra baixo o lema ‘Revolucionar a saúde e a seguridade: o papel da IA e a dixitalización no traballo’

O Goberno galego salienta a necesidade de seguir reforzando unha eficaz xestión preventiva dos riscos tradicionais ao tempo que se da resposta a aqueles derivados dos novos escenarios de traballo, con foco nos eidos ergonómico e psicosocial

Neste senso, entre as diferentes accións impulsadas polo Issga, cómpre destacar o labor do Laboratorio de riscos psicosociais, un espazo de traballo especializado en aspectos como a xestión do estrés laboral ou o ‘burnout’

Froito do Diálogo Social, Galicia ten en marcha actualmente a Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo Horizonte 2027, cun orzamento de preto de 56 M€

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, acompañado da xerente do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, Adela Quinzá-Torroja, inaugurou esta mañá no Centro de Novas Tecnoloxías de Santiago a xornada Persoal técnico en PRL: invisibles no éxito, organizada polo Issga no marco da conmemoración do Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo (28 de abril). O secretario xeral destacou o firme compromiso do Goberno galego coa creación de contornas de traballo seguras e saudables e co benestar laboral e destacou que precisamente hoxe a Xunta vén de publicar unha declaración institucional na que se resalta a importancia de seguir consolidando unha eficaz xestión preventiva tanto dos riscos tradicionais como daqueles derivados da transformación dixital e da evolución nas novas modalidades de traballo.

A Organización Internacional do Traballo (OIT) escolleu como lema para o ano 2025 Revolucionar a saúde e a seguridade: o papel da IA e a dixitalización no traballo, co gallo de afondar en como as novas tecnoloxías —como a automatización de tarefas, o uso de ferramentas intelixentes e sistemas de supervisión, a xestión algorítmica do traballo ou a realidade ampliada ou virtual— están a transformar a seguridade e a saúde das persoas traballadoras. Neste contexto, a Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde no Traballo (Issga), avanza en dar resposta a estes novos retos e escenarios laborais, incidindo na importancia de potenciar un enfoque centrado nas persoas e poñendo o foco en eidos como o ergonómico e o psicosocial. Así, no marco da Estratexia de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia Horizonte 2027, están a impulsarse diferentes medidas para sensibilizar e afondar no coñecemento destes desafíos emerxentes, concienciando sobre o uso seguro das tecnoloxías, promovendo boas prácticas e fomentando o intercambio de información e coñecemento. Nesta liña, cómpre destacar tamén o labor do Laboratorio de riscos psicosociais creado en 2024 en colaboración co Departamento de Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e que se configura como un espazo de traballo especializado na investigación, desenvolvemento e innovación en prevención de riscos laborais relativa a aspectos como a xestión do estrés laboral ou o burnout.

Programa de actividades

Xunto coa de hoxe, o Issga está a promover diferentes actividades con motivo deste Día Mundial. Así, o vindeiro mércores 30 de abril celebrarase en liña o workshop Ollos sans. Tamén están contempladas dúas visitas de alumnado de educación primaria á Escola Galega de Prevención —no Centro Issga de Pontevedra— mañá martes 29 de abril e 2 de maio. A estas citas súmanse ás xa realizadas a pasada semana, coa presentación da guía Boas prácticas para a xestión preventiva dende a perspectiva de xénero e a xornada Transformación tecnolóxica na prevención de riscos laborais.

Compromiso institucional coa seguridade e a saúde no traballo

Galicia conta con dous instrumentos que son froito do consenso coas organizacións sindicais e co tecido empresarial. A nivel global —e cun orzamento de preto de 56M€— a Estratexia de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia: Horizonte 2027 é a ferramenta a medio prazo para desenvolver as políticas nesta materia, que se concretan e materializan cada ano no plan de actuación do Issga.

Así, en 2025, entre as diferentes medidas recollidas —como as específicas de riscos emerxentes derivados da evolución demográfica e tecnolóxica— continuarase avanzando na mellora das condicións de seguridade e saúde laboral en actividades como a xestión de residuos, os talleres de reparación de vehículos e a industria conserveira. Tamén se realizarán campañas consensuadas cos axentes sociais de sensibilización, asesoramento e seguimento da xestión preventiva, incidindo especialmente no risco de caída de altura e traballos sobre superficies fráxiles ou o uso axeitado dos equipos de protección.

 

Loading...