A provincia de Pontevedra conta con 20 obradoiros duais de emprego que forman a preto de 400 persoas desempregadas e que contan cun orzamento de máis de 8 millóns de euros

Reguera lembrou o éxito que demostraron ter este tipo de obradoiros duais nas edicións pasadas

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o Obradoiro de Emprego Roteiros etnográficos O Rosal-Tomiño, no concello do Rosal.

Trátase dun obradoiro que formará a 20 persoas desempregadas nas especialidades de albanelería e carpintería. Este obradoiro, que terá unha duración aproximada nove meses, é posible grazas a un investimento da Xunta de preto de 412.000 euros. Así, o alumnado recibirá a formación necesaria para poder desenvolverse nas súas respectivas áreas, ademais de contar con prácticas remuneradas durante toda a duración do curso.

Ademais, estas prácticas reverterán a favor dos seus concellos, xa que os participantes realizarán traballos dentro dos seus municipios.

Cabe destacar que a provincia de Pontevedra conta con vinte obradoiros deste tipo que forman a case 400 alumnos e alumnas e que contan cun orzamento total de máis de 8 millóns de euros. Na comarca do Baixo Miño, tamén se está a levar a cabo un obradoiro dual de emprego no concello da Guarda, onde 20 alumnos e alumnas están a aprender a especialidade de carpintería.

O delegado territorial aproveitou a visita para agradecer a todos os participantes a súa “entrega e interese” e lembrou o compromiso da Xunta coa formación das persoas desempregadas a través das múltiples iniciativas que leva a cabo a consellería de Emprego. Reguera rematou a visita desexando sorte ao alumnado e destacando o “gran éxito que demostraron estes obradoiros en edicións pasadas, cunha taxa de empregabilidade moi alta, sobre todo en especialidades como as que se están a impartir no Rosal”.

Loading...