O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, acompañado pola directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participaron esta tarde nas xornadas divulgativas organizadas por APE Galicia

Destacaron o esforzo prioritario do Goberno galego a prol do emprendemento, facendo fincapé en iniciativas pioneiras coma o Bono Remuda

Puxeron en valor iniciativas como a Rede de polos, posta en marcha en 2022 e que xa leva atendido máis de 3.700 proxectos a través das súas 15 oficinas activas, así como o programa Fixar, orientado a atraer nómades dixitais ao rural

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, acompañado pola directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participaron esta tarde nas xornadas divulgativas organizadas por APE Galicia, divididas en dúas mesas de diálogo centradas na remuda xeracional e o emprendemento.

Na súa intervención, Pablo Fernández, destacou a aposta pioneira levada a cabo polo Executivo galego fixada na atracción de talento para impulsar a remuda xeracional nos negocios, resaltando a nova edición do Bono Remuda —incluído este ano na orde unificada de axudas para autónomos — que cun orzamento de 1,25 millóns de euros tenta facilitar que as persoas interesadas en emprender teñan a posibilidade de recoller a testemuña dun negocio xa viable economicamente que pecha por xubilación, incapacidade ou falecemento da persoa titular. Tamén lembrou que a xa mencionada orde unificada de axudas para autónomos —dotada con 40M€ e con 5 liñas de actuación— mantén o plazo de solicitude aberto ata o vindeiro 30 de setembro.

O secretario xeral tamén recordou que o Goberno Galego ten un firme compromiso co talento mozo, —ao abeiro do que este ano se lanzará a Estratexia Mocidade Activa, que contará cun orzamento de 20 M€ só por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración—, e coa formación para o emprego. Neste último ámbito, recentemente presentouse no Consello da Xunta o acordo de inicio do procedemento para a elaboración do anteproxecto de decreto polo que se regulará o marco galego de microcredenciais para o traballo onde estableceranse os seus criterios e características —como a súa duración, co obxectivo de garantir e velar pola calidade, transparencia e accesibilidade destas tipoloxías formativas non regrada, apostando por unha formación flexible para o emprego e consolidando outras medidas xa en marcha á carta do tecido empresarial, como as Unidades Formativas ou os Bonos Talento Empresa.

Aposta polo emprendemento ligado ao territorio

Pola súa banda, Marta Mariño, fixo fincapé no esforzo prioritario do Goberno galego a prol do emprendemento, ao que se destinan máis de 32 millóns de euros neste exercicio, con especial foco naquel que ten pegada directa no territorio e nas contornas onde se asenta. Neste senso, destacou o labor da Rede de polos que, desde a súa creación no ano 2022, conta con 15 oficinas distribuídas por toda a Comunidade e presta, de forma gratuíta, asesoramento individualizado tanto a quen desexa emprender na Comunidade como a quen xa o fixo e quere consolidarse, cunha cifra na actualidade de máis de 3.700 proxectos asesorados.

Así mesmo, a directora xeral lembrou outras iniciativas como o proxecto Fixar, aposta pioneira impulsada pola Xunta para atraer nómades dixitais e fixar poboación no rural e que, con 60 participantes na primeira edición, busca consolidar unha rede de sinerxías para os emprendedores, ofrecéndolles orientación e formación en áreas como a xestión de proxectos, estratexias de emprendemento e networking e ferramentas para desenvolver os seus negocios e iniciativas desde a contorna rural.

Loading...