O delegado territorial, Javier Arias, subliñou a importancia de “visibilizar as desigualdades” e garantir a saúde física e mental de todas as persoas no seu posto de traballo

A Xunta de Galicia organiza hoxe unha xornada técnica para presentar a guía de “Boas prácticas para a xestión preventiva dende a perspectiva de xénero”, que ofrece aos centros de traballo ferramentas para o autodiagnóstico acerca das diferenzas en exposición a riscos, condicións laborais e acceso a medidas preventivas entre homes e mulleres.

O acto tivo lugar na sede lucense do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), no marco da programación polo Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo, que se conmemora o 28 de abril. A inauguración contou coa participación do delegado territorial, Javier Arias; a subdirectora xeral Técnica e de Planificación do ISSGA, Encarnación Sousa; a xefa do centro de Lugo, Myriam Garabito; e a autora da guía, Lourdes Munduate.

Arias subliñou a “importancia de visibilizar as desigualdades de xénero no traballo como parte dunha estratexia preventiva integral, para deste xeito poder garantir a saúde física e mental de todas as persoas no seu entorno laboral”.

A sesión central correu a cargo da autora da guía, catedrática de Psicoloxía Social das Organizacións na Universidade de Sevilla e directora científica do Laboratorio Andaluz de Organizacións Xenerativas. A xornada concluíu cun espazo participativo de grupos de discusión e un coloquio final moderado por Carlos Montes Piñeiro, director do Laboratorio de Riscos Psicosociais.

Dividida en dous grandes bloques, a guía comeza cunha fundamentación teórica sobre saúde, seguridade e o benestar como valor estratéxico en organizacións resilientes, e continúa cunha batería de ferramentas prácticas de autodiagnóstico. Entre elas abórdanse aspectos como a violencia e o acoso laboral, a conciliación, o teletraballo, a segregación de xénero, a diversidade ou o liderado inclusivo.

Loading...