O delegado territorial visitou o curso Operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais que se está a levar a cabo nas instalacións da Fundación CIP
A Xunta destina preto de 23,8 millóns de euros nos cursos AFD da provincia de Pontevedra
Na comarca do Salnés impartiranse máis de 60 accións formativas por valor de preto de 2,6 millóns de euros
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou as instalacións da Fundación CIP, en Cambados, unha das 17 entidades que están a impartir os cursos de Acción Formativa para Desempregados (AFD) na comarca do Salnés.
Durante a visita, o delegado coñeceu ao responsable da Fundación CIP que lle transmitiu a súa satisfacción co proceso de selección do alumnado e o desempeño que está a ter ata o momento. A Fundación CIP está a impartir unha acción formativa de Operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais que conta cun financiamento de preto de 45.000 euros.
Cabe destacar que na provincia de Pontevedra están aceptadas preto de 500 accións formativas, das cales máis de 60 teñen lugar nos concellos da comarca do Salnés. Estes cursos contan cun orzamento de case 2,6 millóns de euros, dos preto de 23,8 millóns de euros que a Xunta investirá no total da provincia.
O delegado aproveitou a visita para destacar a importancia desta iniciativa que “ten demostrado ser unha ferramenta moi valiosa para todos aqueles que queren especializarse nunha determinada área e inserirse no mercado laboral”. Reguera rematou animando a todos os participantes a “aproveitar ao máximo esta oportunidade de formación gratuíta”.
A comarca
O concello de Vilagarcía de Arousa é o que acumula máis oferta formativa AFD de toda a súa comarca, cun total de 28 cursos distintos e un orzamento de máis de 1,1 millóns de euros. Pola súa banda, Sanxenxo conta con 14 accións formativas (563.347 €). En Cambados impartiranse dez cursos (360.735 €), mentres que o concello de Vilanova de Arousa contará con seis AFD (304.379 €). Por último, na Illa de Arousa impartiranse catro cursos AFD (210.436 €).