O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, achegouse esta mañá ata o colexio CPR Plurilingüe San Narciso de Marín, onde os alumnos de 3º e 4º da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) participaron nunha xornada enmarcada na iniciativa promovida pola Xunta Que non te líen, ti elixes. Nesta actividade —que contou coa presenza do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera— os participantes recibiron a visita de representantes da Fundación Laboral da Construción e persoas traballadoras do sector, quen lle deron a coñecer os diferentes oficios dentro da construción, libres de estereotipos e condicionantes de xénero.
Na súa intervención, Pablo Fernández resaltou a importancia de elixir unha profesión en base ás habilidades que se teñan, ás capacidades ou ás mesmas motivacións, rachando cos estereotipos en sectores tradicionalmente ocupados por homes. Neste senso, lembrou que 77 centros de secundaria —todos eles sostidos con fondos públicos— participarán nesta 2ª convocatoria do curso 2024-2025 que ao igual que na 1ª convocatoria, promoverá charlas didácticas e debates dirixidos por persoal de asociacións, fundacións e clústeres de sectores con escasa representatividade feminina, poñendo en valor a aquelas mulleres referentes de éxito neses ámbitos para que poidan servir de exemplo ás novas xeracións.