A iniciativa, que chega á súa quinta edición e cuxo prazo de inscrición abre mañá, busca acompañar a este colectivo para o éxito dos seus negocios en Galicia, incluíndo asesoramento en áreas como a comunicación, a administración ou as finanzas

Merlo complementa as axudas económicas que ofrece o Programa Retorno Emprendedor, cun orzamento dun millón de euros e co prazo aberto ata o próximo 30 de setembro

O programa Merlo abre mañá o seu prazo de inscrición para aqueles interesados en participar na quinta edición desta iniciativa impulsada polo Goberno autonómico co obxectivo de proporcionar mentoría e acompañamento aos emprendedores galegos retornados.

Deste xeito, o programa —que contará con 90 prazas na presente andaina— proporciona asesoramento e apoio para o desenvolvemento e consolidación dos seus negocios ou actividades profesionais, co obxectivo de que poidan contar cunha maior garantía de éxito que favoreza a súa integración social e empresarial en Galicia.

A través da figura dunha ou dun mentor, Merlo —realizado en colaboración coa Fundación Ronsel— ofrécelles a oportunidade de reforzar as súas habilidades e fortalezas en cuestións clave para os seus respectivos proxectos, como dirección e planificación, comunicación e márketing, administración e finanzas ou tecnoloxía e vendas.

Esta asesoría complementa as axudas do Programa Retorno Emprendedor —co prazo aberto ata o 30 de setembro—, que ten como finalidade promover o autoemprego e a actividade emprendedora deste colectivo e que xa permitiu ata o momento a posta en marcha de máis de 800 proxectos empresariais en Galicia, con seu conseguinte impacto económico. En 2025, e cun orzamento dun millón de euros, esta liña ofrece apoios económicos de ata 10.000 euros aos galegos que regresan á súa terra de orixe —xa fosen nados na Galicia territorial ou nos seus países de destino— e teñen como obxectivo poder sufragar gastos orixinados pola posta en funcionamento dun negocio.

Incricións: programamerlo.gal

Loading...