A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá ás participantes durante o arranque dunha actividade de alfabetización informática

Este é un dos tres Programas Integrados de Emprego que o Goberno galego financia este curso no ámbito territorial da Delegación cun investimento conxunto de 580.000 euros

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá no centro de formación Irmás Froilaz, de Narón, ás participantes do Programa Integrado de Emprego (PIE) da Mancomunidade de Concellos da comarca de Ferrol, un dos tres programas que o Goberno galego financia este curso cun investimento conxunto de 580.000 euros.

En concreto, este PIE vai dirixido exclusivamente a mulleres no que toman parte 100 participantes dos concellos de Narón, Valdoviño, Cedeira, Neda, Cabanas, Fene, Mugardos e Ares, todas elas en situación de desemprego e con especiais dificultadas de inserción laboral e conta cunha financiación autonómica de 220.000 euros.

Tal e como explicou Aneiros, o obxectivo deste programa é que un mínimo do 35% do total das participantes atope traballo ao final da súa formación, aínda que como lembrou, xa se superou esta cifra en pasadas edicións.

As alumnas xa recibiron formación para o emprego nas especialidades de cociña, limpeza industrial ou xestión de comunidades virtuais, propostas que se complementan con obradoiros de busca de emprego, entrevistas de selección de persoal, ferramentas de coaching ou inglés en nivel básico. Hoxe mesmo deron comezo a unha actividade de alfabetización informática.

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración inviste na convocatoria 2024-2025 un orzamento de preto dos 12 M€, tralo incremento de máis de 1,7 M€ publicado o pasado 29 de outubro, co obxecto de beneficiar a unhas 5.800 persoas desempregadas que recibirán información, orientación, asesoramento e formación para incrementar a súa inserción laboral a través dos distintos Programas Integrados de Emprego.

Loading...