A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, visitou o obradoiro de emprego “Renova VII”, organizado por Ames e Brión, no que se formarán 20 persoas en Montaxe e Mantemento de Instalacións Solares Fotovoltaicas. A delegada destacou que este taller de emprego terá unha duración de 9 meses, grazas a un investimento da Xunta de case 412.000 euros, no que as 20 alumnas e alumnos realizarán 5 intervencións de  interese público nestes dous concellos. Esta partida, unida á do obradoiro 23-24, eleva o investimento da Xunta nestes talleres de emprego nestes dous concellos a case 1 millón de euros.

Concretamente, que os participantes levarán a cabo unha intensa tarefa que inclúe en Ames a instalación fotovoltaica na escola infantil A Madalena- Milladoiro, a instalación fotovoltaica na escola infantil O Bosque – Bertamiráns e a renovación da iluminación interior e mellora da eficiencia enerxética en varios edificios e en Brión a instalación de dous puntos de recarga para vehículos eléctricos híbridos, Ademais, está previsto definir o mantemento a realizar nas instalacións fotovoltaicas executadas nos anteriores obradoiros de emprego Renova (en total durante 6 anos)

Belén do Campo destacou que “os obradoiros de emprego permiten dotar a nosa poboación activa de formación de calidade ao tempo que desenvolven un traballo produtivo de utilidade pública ou interese social, coa posibilidade de acreditalo a través dos certificados de profesionalidade”. “O obxectivo –incidiu– é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente nos do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación”. Neste senso, animou a todos os participantes a aproveitar a formación que van a recibir para buscar traballo e incluso para iniciar o seu propio negocio “porque cando rematedes estes 9 meses estaredes preparados para traballar nun sector que precisa, nestes momentos, de profesionais cualificados”, subliñou.

Obradoiros 24-25

A representante do Goberno autonómico informou que a comarca de Santiago conta, nesta convocatoria 24-25, con 7 obradoiros duais grazas a un apoio da Xunta de máis de 2,8 millóns de euros.

Na provincia da Coruña están aprobados 23 obradoiros de emprego duais, grazas a un investimento de máis de 9 millóns de euros para formar 440 persoas sen traballo.

Finalmente, Belén do Campo subliñou que en toda Galicia os obradoiros de emprego duais supoñen un investimento por un importe de máis de 36 millóns de euros para un total de 87 accións deste tipo coas que se prevé beneficiar a máis de 1.700 persoas sen traballo.

Os obradoiros duais

Na convocatoria de 2024-2025, ofrécense 9 meses de formación con contrato de traballo e coa posibilidade de inserción posterior en empresas da contorna.

O alumnado, a maiores de formarse e realizar un traballo de interese público remunerado, pode obter un certificado de profesionalidade. Tamén se lles abre a posibilidade de traballar nunha empresa do ámbito das materias impartidas por un mínimo de tres meses unha vez completada a formación, grazas aos incentivos que ofrece a Xunta.

Para acceder a estes obradoiros, priorizaranse as persoas con especiais dificultades de inserción: mulleres, vítimas de violencia de xénero, emigrantes retornadas, persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego, desempregadas de longa duración, maiores de 45 anos, persoas que carecen de títulos universitarios e de FP de grao superior, entre outras. Teñen preferencia tamén as persoas discapacitadas ou as beneficiarias do tramo de inserción da renda básica de Galicia, así como as que solicitaran este servizo a través da súa demanda de emprego e, dentro destas, aquelas que teñan prevista a realización deste tipo de medidas no seu itinerario de inserción laboral.

A Xunta de Galicia encárgase no caso dos obradoiros duais de emprego, de financiar a formación profesional para o emprego (medios, materiais, contratación de persoal…), así como os custos salariais derivados dos contratos de traballo subscritos co alumnado.

Loading...