A Xunta impulsa hoxe en Xinzo de Limia, en colaboración coa Asociación de empresas e comercios da Limia (Prolimia), un curso formativo sobre decoración e escaparatismo dirixido ao comercio local co obxectivo de seguir mellorando as competencias e habilidades do tecido comercial, reforzando áreas que impulsan de xeito estratéxico a súa visibilidade e promoción no punto de venda.

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, puxo en valor a celebración deste tipo de xornadas formativas de curta duración e de carácter eminentemente práctico, que permiten ás persoas responsables destes negocios adquirir novos coñecementos dun xeito áxil e flexible. Unha liña de traballo —destacou— que o sector valora de xeito moi positivo e que se seguirá reforzando no futuro Plan estratéxico de comercio de Galicia 2025-2030, actualmente en proceso de elaboración coa previsión de estar listo no primeiro trimestre do ano que vén.

Esta iniciativa de microformacións a demanda impulsadas pola Xunta súmase a outras similares xa realizadas co tecido comercial de Vigo, Lalín ou Ribadavia na procura de seguir mellorando as competencias do comercio e incrementando a súa fortaleza para facer fronte aos retos actuais. 

Loading...