O programa está dirixido a favorecer a consolidación de negocios con máis de 3 anos e medio de actividade e mellorar a súa competitividade mediante investimentos en instalacións, maquinaria, equipamento ou dixitalización
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto ao alcalde de Vedra, Carlos Martínez, visitou hoxe un dos negocios beneficiarios do Bono Autónomo no concello de Vedra, Instaiglesias, unha empresa de instalacións eléctricas, onde puxo en valor o compromiso do Goberno galego co traballo por conta propia e co fortalecemento do tecido empresarial local. Grazas a este apoio, que superou os 3.000 euros, puideron adquirir un xenerador, un taladro de brocas e unha cámara térmica detectora de fugas.
Durante a visita, destacou que Vedra recibiu un total de seis axudas destinadas a seis traballadores autónomos, por un importe conxunto próximo aos 22.000 euros. Unha mostra, sinalou, de como os programas de apoio da Xunta contribúen a que os pequenos negocios poidan acometer melloras, modernizar as súas instalacións e seguir desenvolvendo a súa actividade.
A delegada incidiu tamén no alcance desta iniciativa no conxunto da provincia, onde se beneficiaron a preto de 600 traballadores autónomos de 80 concellos, con achegas que superan os 2 millóns de euros. Na comarca de Santiago e cidade , ademais dos 6 de Vedra, tamén recibiron achegas 71 autónomos da cidade, 31 autónomos de Ames, 3 de Boqueixón, 3 de Brión e 5 de Teo por un importe total de máis de 424.000 euros e 119 beneficiarios en total.
“O emprego autónomo é unha prioridade para a Xunta de Galicia. Detrás de cada negocio hai persoas que emprenden, invisten, xeran actividade económica e crean oportunidades nos nosos concellos. Por iso queremos acompañalas non só no inicio da súa actividade, senón tamén na súa consolidación e crecemento”, sinalou Belén do Campo.
Orde de axudas
A representante do Goberno autonómico destacou que o Bono Autónomo está dirixido a profesionais e pequenos negocios que acrediten máis de 3 anos e medio de actividade e que queiran dar un novo impulso aos seus proxectos. A convocatoria de 2026 contou cun orzamento de 8 millóns de euros e permitiu financiar o 60 % dos investimentos subvencionables, ata un máximo de 7.000 euros por beneficiario.
Entre as actuacións que poden recibir apoio figuran a adquisición de maquinaria, ferramentas e equipamento informático, a reforma de locais comerciais, a renovación de instalacións para mellorar a eficiencia enerxética, a substitución de combustibles fósiles, a instalación de rótulos ou o desenvolvemento de páxinas web, aplicacións e redes sociais, así como o deseño de marca.
A delegada lembrou que o prazo para presentar solicitudes permaneceu aberto ata o 30 de setembro deste ano.
Así mesmo, destacou que estas axudas se tramitan en réxime de concorrencia non competitiva, polo que non se establece unha comparación entre os proxectos presentados. A concesión realízase a medida que se comproba o cumprimento dos requisitos, seguindo a orde de presentación das solicitudes coa documentación completa e ata esgotar o crédito dispoñible. Deste xeito, os expedientes poden ir resolvéndose progresivamente sen necesidade de agardar ao peche da convocatoria.
“Queremos que os autónomos galegos teñan oportunidades para seguir medrando, modernizar os seus negocios e mellorar a súa competitividade. Son unha peza fundamental da nosa economía e da vida dos nosos concellos, especialmente no rural, onde contribúen a manter servizos, actividade e emprego”, concluíu Belén do Campo.
A representante do Goberno autonómico explicou que o Bono Autónomo forma parte da convocatoria unificada de axudas da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para as persoas traballadoras por conta propia, que agrupa diferentes programas destinados a impulsar o emprendemento, favorecer a continuidade dos negocios e facilitar o relevo xeracional.
Axudas autónomo
A delegada lembrou que esta medida se integra na orde unificada de apoios da Xunta ao traballo autónomo, que reúne cinco liñas destinadas a acompañar as persoas emprendedoras tanto no inicio como no desenvolvemento e mantemento dos seus proxectos.
Entre as medidas incluídas nesta convocatoria figura o programa de promoción do emprego autónomo, que dispón de 28,9 millóns de euros e incorpora como novidade a ampliación ata os dous anos da cobertura da cota cero para as novas actividades relacionadas coa agricultura, a gandaría e a silvicultura, fronte aos doce meses establecidos con carácter xeral.
A orde complétase co Bono Nova Oportunidade, cun orzamento de 1,5 millóns de; o Bono Remuda, que conta con 1,5 millóns de euros; e os incentivos á conciliación da vida familiar e laboral das persoas autónomas, dotados con 750.000 euros.