O Consello analizou hoxe un informe sobre o despregamento das medidas do plan integral de benestar laboral aprobado no marco do Diálogo Social, con medidas coma esta, co fin de actuar sobre as patoloxías que máis baixas laborais provocan

Rueda salienta que estes dous grupos de enfermidades “representan o 60% das baixas laborais” na comunidade

No inicio do próximo ano está prevista a convocatoria de axudas para a substitución de persoas traballadoras autónomas durante baixas laborais de longa duración co propósito de facilitar a continuidade da actividade dos seus negocios

A Xunta traballa tamén no deseño da Fiestra Única Galega de Saúde Laboral e Apoio á Reincorporación Saudable, para canalizar toda a información relativa ao plan e atender consultas e dúbidas tanto de empresas como de persoas traballadoras

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico avanza na execución do Plan Integral para a mellora da prevención, o benestar laboral e a reincorporación saudable ao traballo en Galicia 2026-2029 coa posta en marcha, este mes de novembro, “dunha unidade de patoloxías músculo-esqueléticas e outra de psiquiatría menor en cada unha das áreas sanitarias”. Así o recolle un informe analizado hoxe polo Consello da Xunta sobre o despregamento das medidas incluídas no plan acordado no marco do Diálogo Social.

Rueda indicou que se trata de dous grupos de enfermidades “que representan o 60% das baixas laborais en Galicia”. Neste sentido, explicou que “hai arredor de 22.000 incapacidades temporais” que se corresponden con patoloxías músculo-esqueléticas, como poden ser lumbalxias, contracturas cervicais ou síndromes do túnel carpiano, e “arredor de 15.000 casos con trastornos de psiquiatría menor, como depresión ou ansiedade”.

O obxectivo, tal e como explicou o presidente, é “mellorar a atención aos traballadores de baixa para favorecer que a recuperación sexa óptima e reducir a posibilidade de que aparezan complicacións ou secuelas da enfermidade”.

No eido sanitario, outra medida xa posta en funcionamento este mes é a autorización e comunicación conxunta das actividades das mutuas sobre os procesos de baixa. Deste xeito, a mutua poderá agrupar nunha mesma solicitude as actividades relativas ao proceso de incapacidade temporal, sen ter que tramitar unha petición independente para cada unha. A proposta simplifica a tramitación cunha solicitude máis sinxela que se resolve de forma conxunta, e incorpórase unha única declaración responsable sobre os centros nos que se realizarán as probas.

Axudas á substitución e fiestra única

Tal e como lembrou Rueda, a comezos de 2027 prevese convocar axudas para “a substitución de persoas traballadoras autónomas durante baixas de longa duración”, co fin de manter activos os seus negocios e de facilitarlles a reincorporación, unha primeira proba dunhas achegas que pretenden estenderse posteriormente tamén ás microempresas. 

A Xunta traballa tamén no deseño da Fiestra Única Galega de Saúde Laboral e Apoio á Reincorporación Saudable, “un servizo online e telefónico onde empresas e traballadores poderán obter información sobre as baixas laborais, as axudas dispoñibles ou resolver calquera dúbida”, explicou o presidente da Xunta.

Esta fiestra está concibida para canalizar a información do plan e atender consultas e dúbidas tanto das pemes, microempresas e autónomos como das persoas traballadoras por conta allea relacionadas con elas. En concreto, será un servizo público gratuíto que ofrecerá diagnóstico preventivo, asesoramento, orientación, tramitación acompañada das axudas e formación, así como o apoio nos procesos de reincorporación.

No eido da prevención, o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) — como organismo técnico de referencia do plan— ultima guías de reforzo da prevención de riscos en actividades como a industria conserveira, carnizarías e chacinarías ou peixarías. Así mesmo, avánzase en documentos sobre a vendima, a viña e as adegas e sobre as explotacións de gando vacún. Posteriormente, incidirase noutros sectores como a limpeza, salóns de peiteado, talleres de reparación de vehículos ou o forestal.

Acompañamento na reincorporación

No eido laboral, Galicia converterase a comezos do ano que vén na primeira comunidade autónoma en contar cun programa de acompañamento no retorno ao traballo tras unha baixa, mecanismo piloto orientado a facilitar unha volta saudable e a evitar recaídas. Así, crearase a figura da persoa coordinadora de reincorporación, que acompañará voluntariamente no retorno ao traballo, sen acceder á historia clínica nin interferir nas decisións dos profesionais sanitarios.

O informe analizado polo Consello sinala, como recolle o propio plan, que a nova figura terá unha dimensión exclusivamente sociolaboral. O obxectivo é que acompañe as persoas traballadoras que o soliciten na súa reincorporación ao posto, en coordinación coa empresa e co servizo de prevención de riscos correspondentes, e estando asistidas tamén, se así o desexan, pola representación legal dos traballadores. Nese senso, o coordinador ou coordinadora poderá axudar na preparación da volta ao traballo e, só co consentimento da persoa afectada, participar na adaptación do posto. Desta maneira, a persoa coordinadora non forma parte do circuíto asistencial nin do inspector: non prescribe, non concede e non intervén na valoración da baixa nin na xestión clínica.

Comisión tripartita

Ademais, nas próximas semanas está previsto constituír a comisión tripartita que realizará o seguimento e velará polo cumprimento de todas as medidas incluídas no plan integral. Un plan que busca adaptar as súas medidas á realidade do tecido produtivo galego, con especial atención ás pemes, microempresas e persoas traballadoras autónomas. Nese senso, contémplanse axudas para investimentos en equipamento ergonómico, servizos de atención psicolóxica e musculoesquelética con acceso voluntario e plenamente confidencial ou o financiamento de ferramentas e adaptacións para facer viable a volta ao posto de traballo, entre outras medidas, e que van máis aló das obrigas legais vixentes que deben cumprir as empresas.

Loading...