A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego participou hoxe nun novo encontro do programa Xunta Conecta celebrado no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, tras o xa mantido con Cortizo este martes na oficina de emprego de Boiro

Zeltia Lado destaca que a xornada combina información e entrevistas rápidas para cubrir os postos nas áreas de produción industrial, produción de PVC, almacén e loxística, fabricación mecánica e matricería, e mantemento industrial da compañía

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou hoxe nunha xornada do programa Xunta Conecta concibida para poñer en contacto a metalúrxica Cortizo con persoas interesadas en cubrir as súas vacantes nas áreas de produción industrial, produción de PVC, almacén e loxística, fabricación mecánica e matricería, e mantemento industrial. Alí destacou que —tras o encontro co mesmo obxectivo levado a cabo o pasado martes na oficina de emprego de Boiro— hoxe ten lugar esta sesión no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, co fin de seguir facilitando a contratación de persoas demandantes de emprego.

En concreto, estas sesións combinan a información ás persoas demandantes de emprego participantes sobre as vacantes existentes cun proceso de entrevistas rápidas co gallo de darlles cobertura. Deste xeito, consolídase o recurso de orientación laboral do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) da man do tecido produtivo, reforzando a atención ás persoas desempregadas a prol da súa inserción ao tempo que se atenden tamén as demandas de man de obra.

A Xunta colabora coa metalúrxica Cortizo para cubrir as súas vacantes en cinco áreas de contratación

Aproveitando o encontro con Cortizo, Lado sinalou que se están a preparar novos encontros noutras contornas dirixidos a atender as necesidades doutros sectores económicos, co gallo de impulsar un sistema de orientación laboral territorializado. Nese senso, a cidadanía interesada pode consultar as seguintes sesións previstas na web do programa Xunta Conecta. Engadiu que proximamente se habilitará un formulario para que calquera empresa poida solicitar unha sesión deste tipo, o que lles facilitará os trámites.

Loading...