A conselleira do Mar participou na inauguración dunha consulta técnica internacional da FAO, organizada en colaboración con Conxemar, para avanzar na revisión final das directrices sobre responsabilidade social na pesca e na acuicultura

Subliñou que a protección do medio mariño debe ir acompañada da defensa dos dereitos das persoas traballadoras e destacou a importancia da sustentabilidade social e económica para asegurar o futuro do sector

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defendeu hoxe a necesidade de avanzar cara a unha actividade pesqueira e acuícola na que a sustentabilidade ambiental e económica vaia acompañada da protección dos dereitos humanos e laborais das persoas traballadoras. Así o sinalou durante a inauguración da Xornada sobre a revisión final da Guía Internacional da FAO sobre Responsabilidade Social nas Cadeas de Valor da Pesca e a Acuicultura, organizada pola Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) en colaboración con Conxemar, que se celebra ata o próximo xoves na sede da asociación en Vigo. No acto tamén participou a secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias.

Durante a súa intervención, Villaverde incidiu en que a protección dos océanos debe ir acompañada de medidas que garantan unhas condicións de traballo seguras, dignas e equitativas para os profesionais do sector. Neste sentido, salientou que a sustentabilidade social constitúe un piar imprescindible para asegurar a viabilidade económica da actividade pesqueira e acuícola a longo prazo, así como para afrontar desafíos como a remuda xeracional e a soberanía alimentaria.

Villaverde defende en Vigo que manter unhas condicións laborais dignas é imprescindible para a sostibilidade do sector pesqueiro

A conselleira puxo tamén en valor a elección de Vigo como sede deste encontro internacional, que reúne a especialistas procedentes de distintos países para analizar o futuro da responsabilidade social nas cadeas de valor dos produtos do mar. Villaverde destacou a relevancia do tecido pesqueiro, transformador e loxístico galego e incidiu en que o liderado do sector non debe medirse unicamente en termos de capturas ou exportacións, senón tamén polo seu compromiso coas persoas e coas condicións nas que se desenvolve a actividade.

Así mesmo, agradeceu o labor da FAO, de Conxemar e dos expertos participantes e reafirmou o compromiso da Xunta co diálogo social, a gobernanza pesqueira internacional e unha economía azul sustentable nos ámbitos ambiental, económico e social.

Villaverde defende en Vigo que manter unhas condicións laborais dignas é imprescindible para a sostibilidade do sector pesqueiro

As recomendacións están adaptadas á pesca industrial e artesanal, á acuicultura, á transformación, á distribución e á comercialización. Incorporan ademais o principio de proporcionalidade para atender ás características das pequenas empresas e da pesca artesanal.

Durante tres xornadas, especialistas internacionais e representantes sectoriais examinarán o borrador para avaliar a súa aplicación práctica e propoñer melloras antes da súa consolidación.

Pola súa banda, a secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, destacou a importancia de avanzar cara a cadeas de valor globais que garantan emprego de calidade, condicións laborais dignas e benestar das persoas traballadoras. Neste sentido, destacou o papel referente de Galicia neste último ámbito a través do novo Plan integral para a mellora da prevención, o benestar laboral e a reincorporación saudable ao traballo en Galicia 2026-2029, que recolle 37 medidas para reforzar a prevención, acompañar as persoas traballadoras e apoiar as empresas na mellora das súas contornas laborais, indo máis alá das esixencias legais.

Loading...