O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da orde pola que se convocaron os programas Talento Mozo 2026-2027, orientados a persoas de entre 18 e 29 anos inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil

Concedéronse seis proxectos na provincia de Pontevedra, cinco na da Coruña, dous en Ourense e un en Lugo, que xa se están a levar a cabo cun investimento de case 6,4 M€

Ao abeiro desta convocatoria, a mocidade participante está a adquirir coñecementos en áreas como a atención sociosanitaria, a instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, os traballos forestais, a albanelaría e a promoción turística, entre outros

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución que recolle as axudas concedidas para a realización dos programas de formación e emprego Talento Mozo 2026-2027, dirixidos a persoas de entre 18 e 29 anos inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil. En concreto, concedéronse 14 programas de 12 meses de duración nos que están a participar xa un total de 214 mozas e mozos cun investimento próximo aos 6,4 M€.

Na provincia da Coruña, resultaron beneficiarios cinco programas de formación e emprego xuvenil, concretamente os dos concellos de Santiago de Compostela, Ferrol, Boiro (asociado con Rianxo e A Pobra do Caramiñal), Betanzos (agrupado con Abegondo, Coirós e Paderne) e As Pontes de García Rodríguez (asociado coas Somozas). Mentres, en Lugo foi beneficiario o proxecto do concello de Ribadeo, en agrupación con Barreiros.

No caso de Ourense, estanse a realizar dous programas, un concedido á Mancomunidade voluntaria de municipios da comarca de Ourense e outro da Mancomunidade de Verín. Finalmente, en Pontevedra benefícianse seis programas: da Mancomunidade da área intermunicipal de Vigo e da dos concellos do Val Miñor, así como os das localidades de Vilagarcía de Arousa, Ponteareas, O Porriño e Redondela.  

Ao abeiro desta convocatoria —enmarcada no Programa Operativo FSE+ Galicia 2021-2027, cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus—,a mocidade participante está a adquirir coñecementos en diferentes áreas, como a atención sociosanitaria, a instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, os traballos forestais, a albanelaría, a promoción turística, a dinamización socioeducativa e cultural e a comunicación, entre outros.

O obxectivo é fortalecer tanto as oportunidades laborais das persoas beneficiarias como a conexión directa co que precisa o tecido produtivo de cada territorio a través das entidades locais solicitantes, que deberán coordinarse coas empresas para garantir un mínimo de inserción.

Ligazón á resolución no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20261110/AnuncioG0767-051126-0001_gl.html

Loading...