A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego participou hoxe en Vigo no acto de clausura do Programa Integrado de Emprego 2025-2026 impulsado pola Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime)
Vigo, 27 de outubro de 2026
A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou hoxe no acto de clausura do Programa Integrado de Emprego 2025/2026 da Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime), onde puxo en valor a colaboración coa entidade co obxectivo de dotar o sector metalmecánico da man de obra capacitada que precisa. Nese senso, celebrou as experiencias de inserción efectiva no mercado laboral recollidas no evento, como mostra da eficacia deste tipo de programas, que se consolidarán nos orzamento de 2027.
A directora xeral destacou que a acción promovida por Asime se volvese centrar nas provincias de Pontevedra e A Coruña, principalmente nos concellos das contornas de Ferrolterra e Vigo. A nivel formativo, apostouse pola fabricación mecánica enfocada na soldadura, polas áreas de loxística e almacén e polas competencias dixitais e novas tecnoloxías, máis aló de contidos transversais como o benestar laboral e a conciliación.
Nesa dirección, Lado salientou como unha das principais novidades da edición a incorporación da intelixencia artificial, da análise de datos e das novas tecnoloxías aos procesos de orientación e prospección laboral, na liña do que se está a impulsar no Servizo Público de Emprego de Galicia con ferramentas como EMi, da que xa está funcionando a súa aplicación móbil. Tamén se incorporaron medidas de conciliación para facilitar a participación nas formacións, así como talleres a prol da motivación das persoas involucradas, de cara a dar pulo á súa inserción laboral por contra propia ou allea.
Para seguir por este camiño, a directora xeral reiterou o compromiso trasladado onte no Parlamento polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, cos programas integrados de emprego, a través dun orzamento o ano que vén superior aos 10 M€. Todo no marco da folla de ruta autonómica a prol da formación flexible e axustada ás necesidades do tecido produtivo.
A representante da Xunta puxo de relevo especialmente o plan de formación en habilidades do futuro para o desenvolvemento e a fabricación de tecnoloxías estratéxicas en Europa, para poñer en práctica o marco de microcredenciais co recoñecemento das primeiras formacións ao seu abeiro e a participación de empresas, clústeres, asociacións como Asime e colexios profesionais no deseño de accións adaptadas a estas novas competencias. A maiores, citou os recursos dispoñibles do Fondo Europeo de Adaptación á Globalización (FEAG) para a recualificación e reincorporación laboral de persoas afectadas por despedimentos na automoción.
No marco do modelo galego de atracción de talento, Lado sinalou que se consolidarán outras medidas como o programa Retorna Cualifica Emprego e o conxunto das políticas de captación de persoas traballadoras do exterior. Reeditaranse ademais as axudas á rehabilitación de vivendas no rural para persoas que traballen en empresas galegas.
Como pano de fondo, segundo a directora xeral, a Xunta reforzará a colaboración público-privada da man de axentes como Asime, á que agradeceu a súa implicación nos programas integrados de emprego e tamén noutras iniciativas como as feiras organizadas para captar talento exterior, que este ano tiveron lugar no Brasil.