A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, xunto coa directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Vázquez Guzmán, participou hoxe nunha charla relacionada co emprendemento na escola e a economía social na educación no marco do 15º Salón de educación e formación de Galicia, Edugal. Alí destacou a importancia de citas coma esta para impulsar iniciativas emprendedoras do ámbito educativo e intercambio de ideas e sinerxías neste campo. Tamén se referiu ao concurso Eduemprende Idea 2026, unha iniciativa autonómica que promove a creación de proxectos empresariais no ámbito escolar e da que precisamente esta semana o Diario Oficial de Galicia publicou a resolución dos seis proxectos emprendedores premiados.

Esta charla é unha das actividades organizadas no expositor da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en Edugal e onde tamén ten lugar un obradoiro de serigrafía sobre téxtil celebrado coa colaboración da Fundación Artesanía de Galicia e impartido por María José Martínez e José María Carrera, de Peixesapop. Nesta cita, que remata hoxe, a Xunta de Galicia conta cunha presenza destacada a través de espazos relacionados con distintas áreas. O evento forma parte de Galicia Educa, o calendario de 16 feiras que impulsa a Xunta por todo o territorio para achegar ao alumnado a oferta educativa, información e recursos para decidir o seu futuro académico e profesional.

A Xunta de Galicia destaca o valor de citas como Edugal para impulsar iniciativas emprendedoras do ámbito educativo

Loading...