A feira forma parte do catálogo de 16 eventos educativos que a Xunta apoia por toda a comunidade baixo o nome de Galicia Educa

O conselleiro salienta a utilidade destes eventos para fortalecer a conexión entre os centros e o tecido produtivo e que a formación responda aos retos actuais e futuros

A edición 2026 de Edugal conta con 64 expositores, nos que a Xunta de Galicia conta cunha presenza destacada, con espazos para a FP, 16 centros educativos, un centro da Consellería do Mar e un stand da Consellería de Emprego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe na inauguración do 15º Salón de educación e formación de Galicia, Edugal, que se celebra ata o venres no recinto feiral de Pontevedra. O titular do departamento educativo da Xunta felicitou á organización polo encontro, destacándoo “como unha das citas máis consolidadas de Galicia Educa”, o calendario de feiras impulsado pola Xunta para dar a coñecer a oferta de titulacións na comunidade, ofrecer orientación ao alumnado e poñer en valor os proxectos innovadores dos centros de ensino.

“É fundamental fortalecer a conexión entre os centros educativos e o tecido empresarial e produtivo, para que a formación responda aos retos do presente e do futuro e para que os mozos poidan construír o seu proxecto profesional con confianza”, salientou Román Rodríguez, facendo fincapé na utilidade destes eventos.

Román Rodríguez destaca Edugal como unha das citas máis consolidadas para orientar ao alumnado no seu futuro académico e profesional

“Feiras como Edugal permiten achegar a educación á realidade do alumnado, amosar a calidade e diversidade da formación que ofrecemos en Galicia e axudar os mozos a descubrir as oportunidades que mellor se adaptan aos seus intereses e capacidades”, sinalou o titular de Educación.

Cómpre lembrar que o calendario Galicia Educa está conformado por 16 feiras distribuídas por toda Galicia durante este ano, cun enfoque territorial que facilita que o alumnado de distintas zonas poida acceder a información e recursos para decidir o seu futuro académico e profesional.

A inauguración, á que tamén asistiron ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández; a directora xeral de FP, Eugenia Pérez; o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez; e a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Zeltia Lado; completouse cunha actuación do Conservatorio de Música Manuel Quiroga, da cidade do Lérez.

Espazo expositivo de FP

Tras a inauguración, o conselleiro achegouse ao espazo expositivo de FP na feira, onde o alumnado e público visitante pode coñecer a oferta destas ensinanzas en Galicia, as súas saídas profesionais, as oportunidades de especialización e acceder a asesoramento e orientación especializada. Así mesmo, amósanse diferentes actividades a través das que os estudantes poden achegarse ás competencias que se adquiren nos ciclos e másteres da Formación Profesional galega.

Román Rodríguez destaca Edugal como unha das citas máis consolidadas para orientar ao alumnado no seu futuro académico e profesional

Ademais da información vinculada directamente coa Formación Profesional, participan directamente en Edugal un total de 17 centros, en concreto os institutos Politécnico, Ricardo Mella e de Teis (ambos de Vigo), de Vilalonga (Sanxenxo) e Luís Seoane (Pontevedra); os centros integrados de FP Carlos Oroza, A Xunqueira e Montecelo (de Pontevedra); Manuel Antonio, Valentín Paz Andrade e Audiovisual (os tres de Vigo); Fontecarmoa (Vilagarcía de Arousa), Cantería de Galicia (Poio) e A Granxa (Ponteareas). Tamén o Centro Público de Educación e Promoción de Adultos Río Lérez e a Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia (ambos de Pontevedra) e a Escola Superior de Arte Dramático de Galicia (Vigo)

Presenza destacada da Xunta

Baixo o lema O teu futuro nas túas mans, Edugal reúne durante tres xornadas centros educativos, universidades, empresas e iniciativas emprendedoras, con encontros, obradoiros e actividades prácticas. A feira busca ofrecer aos estudantes referencias útiles para escoller o seu itinerario formativo e favorecer o contacto directo entre o talento novo e as oportunidades laborais.

A edición de 2026 conta con 64 expositores, nos que a Xunta de Galicia conta cunha presenza destacada. Ademais do espazo de FP e dos devanditos centros educativos, contan cun espazo propio o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (dependente da Consellería do Mar) e a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Precisamente foi neste espazo onde a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, expuxo esta mañá as funcionalidades da aplicación móbil de EMi, a ferramenta de intelixencia artificial do Servizo Público de Emprego de Galicia.

Completan a oferta de Edugal expositores de varias universidades, da Policía Nacional, das Forzas Armadas e de distintas asociacións e entidades relacionadas coa educación.

Loading...