O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, achegouse ata San Cristovo de Mouricios onde se está a impartir un curso sobre a técnica tradicional francesa do Bouyricou no marco da iniciativa Fibranzas. Laboratorio das fibras vexetais
Fibranzas forma parte do proxecto do Aprender da tradición. Oficios e técnicas, impulsado pola Fundación Artesanía de Galicia e que acaba de resultar nominado nos Premios Nacionais de Artesanía 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, achegouse esta tarde a San Cristovo de Mouricios (Chantada), onde se está a desenvolver un curso dedicado á técnica tradicional de cestería denominada Bouyricou, impartido polos franceses Corentin Laval e Karen Gossart, como parte da iniciativa de formación de perfeccionamento Fibranzas. Laboratorio das fibras vexetais. Durante a súa visita, destacou a importancia destas accións para a transmisión do coñecemento artesanal e puxo o foco na necesidade de ofrecer unha formación integral nos oficios artesanais tanto para mellorar a competitividade dos artesáns en activo como para a captación de novos talentos para o sector artesanal.
Con este obxectivo estase a desenvolver o programa formativo Fibranzas —iniciado en 2025 e do se está a realizar agora o curso de perfeccionamento— co que se busca afondar nas técnicas vinculadas á cestería e nas súas posibilidades no marco da artesanía contemporánea. Fibranzas forma parte da iniciativa Aprender da tradición. Oficios e técnicas, desenvolvida pola Fundación Artesanía dende o ano 2023. Esta acción está enfocada na transmisión de coñecemento e na captación de novos talentos para asegurar a remuda xeracional no sector e resultou nominada ao Premios Nacionais de Artesanía 2026, na categoría Premio Promociona para Entidades Públicas.

Detalles do curso
Este curso é a continuación do desenvolvido durante oito meses no ano 2025 e dende hoxe e ata o mércores 21 de outubro, un total de 14 alumnos —seis máis que no resto dos módulos do programa Fibranzas— poderán aprender dúas técnicas tradicionais da cestería francesa dirixidos por Corentin Laval e Karen Gossart, do proxecto L’Oseraie d’Ile, no que cultivan a súa materia prima, unha vintena de variedades de salgueiro con diferentes características (cores, resistencia, flexibilidade) para poder variar e controlar o proceso de creación de principio a fin.

Corentin Laval será o encargado de amosar a técnica tradicional da rexión francesa do Périgord realizada con varas de vimbio e tecido en espiral coñecido a través da cesta chamada Bouyricou. Trátase dunha técnica de trenzado ancestral en espiral que se poden atopar noutros países con materiais diversos. Este profesional orientou esta práctica cara a creacións máis contemporáneas.
En paralelo, Karen Gossart impartirá outra técnica de tecido de cestería con vimbio propoñendo novas formas e remates para realizar o Panier Galicien. Estudou Belas Artes e formouse na Escola Nacional de Cultivo e Cestería do Vimbio en Fayl-Billot, Haute-Marne, o que lle permitiu aprender este oficio e desenvolver un novo enfoque estilístico.