A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, acompañada pola directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Vázquez Guzmán, e o delegado da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitaron hoxe El Palomar, espazo da Fundación Roberto Rivas a prol da innovación e a dinamización das contornas rurais. Alí puxo de relevo o potencial de Galicia como terra de oportunidades para emprender tal e como reflicten os proxectos atendidos nas 15 oficinas da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego.
Neste campo, salientou especialmente o valor do rural para impulsar proxectos como, por exemplo, os que forman parte de iniciativas de coliving como Anceu, (Ponte Caldelas), Sende (Lobeira, Ourense) e iSlow, Laxe (A Coruña). Tamén destacou a rede de colaboración público-privada Ultreia, á que hoxe se adheriu El Palomar e que ten como fin compartir recursos e xerar sinerxías no ecosistema emprendedor galego. Este proxecto parte da rehabilitación dunha antiga casa de labranza, que conserva os elementos construtivos orixinais e incorpora solucións de alta eficiencia enerxética. Neste sentido, Susana Pérez Iglesias definiu este espazo como un nodo de conexión co territorio, o tecido empresarial e a sociedade.
