A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, participou hoxe no encontro A transición enerxética como oportunidade de emprego e inclusión, organizado pola Alianza para a Transición Enerxética Inclusiva (ATEI), impulsada pola Fundación Santa María la Real e a Fundación Repsol. Alí tomou parte na mesa de diálogo Misión pública na transición cara ao emprego verde territorial, na que se abordou o papel das administracións e das políticas públicas para aproveitar o potencial da economía verde como xeradora de emprego.

Neste marco, Pérez Iglesias destacou que a transición enerxética representa para Galicia unha oportunidade para crear postos de traballo, transformar ocupacións e impulsar novas actividades no territorio. Así mesmo, salientou a importancia de anticipar as necesidades das empresas e adaptar a formación aos novos perfís profesionais, así como de acompañar as persoas traballadoras dos sectores en transformación para facilitar a súa recualificación continua. Do mesmo xeito, a secretaria xeral incidiu na necesidade de adecuar as políticas de emprego ás características de cada territorio e de garantir unha transición inclusiva, con especial atención aos colectivos con maiores dificultades de acceso ao mercado laboral e á incorporación das mulleres a sectores con menor presenza feminina. Finalmente, puxo en valor a necesaria colaboración entre Administración, empresas e organizacións sindicais para anticipar os cambios e avanzar cara a unha transición enerxética que favoreza o progreso económico e social de todo o territorio.

Loading...