• José González subliña a traxectoria do Grupo Cuevas, que ten as súas orixes en 1867, a súa capacidade de adaptación aos cambios do mercado sen perder a súa esencia e a súa capacidade de xeración de emprego ligado ao territorio

  • Destaca o apoio autonómico á contratación de persoas dos colectivos prioritarios —como a mocidade ou as mulleres, entre outros— con programas como Galicia Suma Talento: Emprégate, do que é beneficiario o Grupo Cuevas

  • Expón as novidades introducidas este ano neste tipo de axudas, entre elas a inclusión de incentivos para a contratación indefinida daquelas persoas desempregadas que nos últimos dous anos remataran accións formativas para o emprego

  • O Goberno galego destinará en total máis de 20 M€ ao Galicia Suma Talento: Emprégate logo dunha próxima ampliación de crédito de máis de 1 M€ dirixidos á mocidade co fin de axudar a máis empresas a xerar postos de traballo

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, defendeu hoxe en San Cibrao das Viñas a formación flexible e adaptada ás necesidades do tecido produtivo como unha vantaxe competitiva e un valor engadido a prol da empregabilidade dos colectivos prioritarios nas políticas activas de emprego da Xunta, como a mocidade ou as mulleres, entre outros. Así o sinalou durante unha visita ás instalacións do Grupo Cuevas, dedicado á distribución alimentaria e onde estivo acompañado pola secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias.

Alí, o conselleiro salientou a traxectoria deste grupo, que ten as súas orixes en 1867, e a súa capacidade de adaptación aos cambios do mercado sen perder a súa esencia como reflicte na súa rede de supermercados e na súa plataforma de vexetais frescos. Outra mostra desa vocación innovadora é que esta empresa é pioneira en España na elaboración de marron glacé, convertendo a castaña nun sinal de identidade.

A isto contribúen as súas máis de 1.300 persoas empregadas, o que á súa vez caracteriza a este grupo como xerador de emprego de calidade ligado ao territorio, subliñou González. Ademais, destacou o apoio da Xunta neste ámbito con programas como Galicia Suma Talento: Emprégate, enfocado en impulsar a inserción laboral dos colectivos prioritarios e do que o Grupo Cuevas é beneficiario. De feito, con este tipo de axudas contratou distintas persoas, entre elas unha moza empregada na oficina de apoio á produción.

Algunhas novidades do programa

Neste contexto, José González puxo de relevo as novidades introducidas este ano neste tipo de axudas. Entre elas, a inclusión de incentivos pioneiros para a contratación indefinida daquelas persoas desempregadas que nos últimos dous anos remataran accións formativas para o emprego, en concreto, AFD, obradoiros de emprego, programas integrados de emprego ou un contrato formativo ao abeiro das axudas de Primeira experiencia profesional. Deste xeito, sinalou, unha persoa desempregada recibe unha formación flexible e axustada ao que está a demandar o tecido produtivo e despois sae ao mercado laboral cun apoio autonómico que facilita a súa contratación.

Ademais, por primeira vez, a axuda ao centro de traballo pode incrementarse nun 25% no caso de que a persoa contratada superase os estudos vinculados ás Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) nos dous anos previos.

Próxima ampliación de crédito

En canto ao crédito do Galicia Suma Talento: Emprégate, o Goberno galego destinará un total de máis de 20 M€, pois en próximos días realizarase —sobre o crédito inicial global de 19,7 M€— unha ampliación de máis de 1 M€ dirixidos aos incentivos de contratación de persoa mozas. O obxectivo é chegar a máis empresas e axudar a xerar máis postos de traballo.

Así, con esta medida prevese promover en total a contratación indefinida dunhas 2.600 persoas desempregadas pertencentes aos colectivos con maiores dificultades de inserción laboral. É dicir, a mocidade, mulleres vítimas de violencia de xénero e/ou vítimas de trata de seres humanos, con fillos menores de 3 anos, en ocupacións masculinizadas, persoas paradas de longa duración, maiores de 52 anos, persoas emigrantes retornadas ou estranxeiras e persoas con discapacidade ou en risco exclusión social.

A axuda ás empresas por persoa contratada poderán oscilar entre os 6.000 e os 14.500 euros, sendo a máxima posible de 17.000 € no caso de aplicarse todos os incrementos relativos a casuísticas como que o centro de traballo estea nun concello rural, entre outras. Deste xeito, expuxo José González, con este tipo de accións a Xunta busca avanzar nas políticas activas de emprego tendo en conta a realidade cambiante do mercado laboral e axustando o modelo ás necesidades das persoas traballadoras e ao que demandan as empresas.

Loading...