Ademais, os catro polos do Barco de Valdeorras, Baños de Molgas, O Carballiño e Verín teñen contribuído á creación de máis de 150 novas empresas, consolidando esta iniciativa como unha das principais vías de canalización das novas ideas de negocio

Máis da metade dos proxectos asesorados están impulsados por mulleres, predominando sectores como os servizos, a hostalaría e o comercio

No conxunto da Comunidade, xa son máis de 7.100 as iniciativas atendidas nas 15 oficinas espalladas por todo o territorio, nas que se acompaña de xeito personalizado a calquera persoa que queira poñer en marcha ou consolidar o seu proxecto

A Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego da Xunta continúa a consolidarse como unha ferramenta de apoio ás persoas emprendedoras na provincia de Ourense. Os catro polos activos no Barco de Valdeorras, Baños de Molgas, O Carballiño e Verín xa prestaron asesoramento a máis de 1.400 proxectos, dos que se derivou ademais a creación de máis de 150 novas empresas.

A través destes espazos, as persoas que teñen unha idea de negocio ou que buscan consolidar unha actividade xa en funcionamento poden acceder de maneira gratuíta a un acompañamento adaptado ás súas necesidades. Desde o inicio da actividade dos Polos ourensáns, o persoal técnico realizou máis de 5.300 titorías, tanto presenciais como telemáticas.

A análise dos proxectos atendidos permite observar tamén a importante participación das mulleres no ecosistema emprendedor da provincia: máis da metade das iniciativas asesoradas están impulsadas por talento feminino. En canto ás actividades económicas, os servizos representan o 23% dos proxectos, seguidos pola hostalaría, cun 16%, e o comercio, cun 13%.

Entre os servizos prestados nos Polos atópase igualmente o apoio aos procesos de remuda empresarial, que representan o 6% das iniciativas asesoradas. Esta liña pretende facilitar a continuidade de negocios que xa están asentados no territorio, conectando ás persoas que queren transmitir ou alugar unha empresa con aquelas que buscan asumir a súa actividade.

Deste xeito, a Rede contribúe a conservar proxectos empresariais viables, actividade económica e emprego no territorio, ao tempo que ofrece ás persoas emprendedoras unha alternativa fronte aos maiores riscos que pode supoñer iniciar un negocio completamente novo. A estas medidas súmase o Bono remuda, unha das cinco liñas incluídas na orde unificada de axudas para autónomos da Xunta, cuxo prazo de solicitude permanece aberto ata o 30 de setembro e conta cun orzamento de 1,5 M€.

A capacidade de dinamización dos Polos ourensáns reflíctese tamén nas máis de 840 actividades desenvolvidas desde a súa posta en funcionamento. Reunións con entidades locais, accións de formación e eventos completan o labor de asesoramento e contribúen a fortalecer as redes de colaboración no territorio.

Unha rede de impulso ao emprendemento

A Rede de polos forma parte da aposta estratéxica do Goberno galego por apoiar iniciativas que contribúan á innovación e á vertebración do territorio, fixando poboación no rural e poñendo a disposición das persoas emprendedoras todas as ferramentas necesarias para impulsar as oportunidades de negocio e aproveitar os recursos dispoñibles. Nese sentido, é unha das ferramentas clave da futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio, a través da que se seguirá potenciando o seu labor para identificar oportunidades locais e sectores tractores de cada zona.

Posta en marcha en xullo de 2022, actualmente, a Rede conta con 15 oficinas activas, espalladas por todo o territorio: tres na provincia da Coruña (Ferrol, Coristanco e Melide), cinco na provincia de Lugo (Friol, Mondoñedo, Sarria, A Fonsagrada e Monforte de Lemos); catro na provincia de Ourense (O Carballiño, Baños de Molgas, O Barco de Valdeorras e Verín); e tres na provincia de Pontevedra (Silleda, O Porriño e Vilanova de Arousa).

Desde o inicio, no total de Galicia xa se atenderon máis de 7.100 experiencias de emprendemento, entre as que predomina o sector servizos, seguido do comercio e da hostalaría. Ademais, no conxunto das catro provincias, lévanse realizado máis de 22.300 titorías e máis de 2.800 actividades.

Loading...