A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou hoxe no ‘Demo Day’ da iniciativa impulsada polo Goberno galego, a plataforma U4impact e as universidades públicas galegas
No Centro de Orientación ao Emprendemento, cualificou os catro proxectos presentados como solucións innovadoras de impacto real tras a colaboración do estudantado participante con persoas asesoradas na Rede de polos
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou hoxe no Demo Day do Programa Innovación e Talento Novo, impulsado pola Xunta a través de Rede de polos de emprendemento, pola plataforma U4impact e polas universidades públicas galegas. No Centro de Orientación ao Emprendemento, puxo en valor os catro proxectos presentados polo estudantado participante, destacando o potencial da cooperación entre o ecosistema emprendedor e o ámbito universitario de cara á xeración de solucións innovadoras de impacto real.
En concreto, presentouse unha estratexia de comunicación e divulgación para promover o cultivo biointensivo de produtos de temporada, no marco do Grao en Publicidade e Relacións Públicas e en colaboración coa empresa Cultivo Gallego. Un segundo proxecto centrouse na automatización da xestión de comunicacións con provedores loxísticos e de mantemento, ao abeiro do Grao de Enxeñería Informática e da man de Mvico Eexperience.
A terceira iniciativa é unha estratexia de comunicación e márketing para Sembra Biojoyas, co gallo de visibilizar a xoiería natural e sostible como traballo final do Grao en Deseño e Xestión de Moda. Por último, deuse a coñecer o repositorio semántico de variantes estruturais do xenoma humano, en colaboración coa empresa LongSeq Application e no marco do mestrado en Bioinformática para as Ciencias da Saúde e do Grao en Bioloxía.
No contexto da presentación destes proxectos colaborativos, as persoas emprendedoras da Rede de polos de emprendemento que participaron neles compartiron a súa visión sobre o valor do talento novo e a cooperación co ámbito universitario. Ao final, houbo un espazo de networking pensado para xerar conexións e oportunidades futuras.
O programa impulsado pola Xunta, a plataforma U4impact e as universidades públicas galegas conclúe así unha nova edición orientado a estudantes que fixeron o Traballo de Fin de Grao (TFG) no curso 2025-2026. O obxectivo era proporcionarlles un itinerario formativo compatible e adaptado ao seu último ano de carreira, acompañado de primeiras oportunidades profesionais a través dos respectivos proxectos emprendedores en colaboración coa Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego.