Trátase dunha iniciativa promovida polos concellos de Pontedeume, Cabanas e Miño e financiada cunha axuda da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de máis de 454.500 euros

A formación, destinada a persoas en situación de desemprego, impartirase na especialidade de operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización e na de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada de representantes dos concellos de Pontedeume, Cabanas, e Miño, deu hoxe a benvida aos 20 alumnos que inician o obradoiro dual de emprego Ártabro Emprende V. Alí puxo en valor este programa de formación e emprego que resultou beneficiario dunha axuda da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de máis de 454.500 euros.

A formación, que terá unha duración de 9 meses, impartirase na especialidade de operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización e na de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes. Cada unha destas especialidades conta con 10 alumnos que, dentro desta formación, desenvolverán actuacións en diferentes espazos municipais.

A delegada territorial destacou que iniciativas coma esta “son un gran exemplo de colaboración entre o Goberno galego e os concellos para avanzar en materia de emprego”. Así, lembrou que, ademais de formarse e realizar un traballo de interese público, os alumnos obterán un certificado de profesionalidade e a posibilidade de traballar nunha empresa do ámbito por un mínimo de tres meses, unha vez completen a formación.

Aneiros puxo en valor ademais a comuñón do itinerario formativo coas demandas do mercado laboral e animou aos participantes a sacar o maior rédito do mesmo.

Os obradoiros duais de emprego como o Ártabro Emprende V poden ser promovidos polos concellos, mancomunidades de municipios ou entidades públicas dependentes.

Loading...