A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, participou hoxe no acto de presentación das novas lanzadeiras de emprego que abren prazo de inscrición para poñerse en marcha a partir do próximo mes de agosto no marco do programa Hubs de activación da empregabilidade, promovido pola Fundación Santa María la Real co cofinanciamento do Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e da Xunta de Galicia. Estas lanzadeiras funcionarán deica xaneiro de 2027 na Coruña e Ferrol, dirixidas a persoas desempregadas maiores de 18 anos, de diferentes niveis formativos e pertencentes a colectivos prioritarios como os parados de longa duración, mocidade, mulleres, persoas con discapacidade, galegos retornados ou inmigrantes.

A secretaria xeral puxo en valor a colaboración público-privada que permite poñer en marcha estas novas accións, recordando o compromiso do Goberno galego coa mellora da empregabilidade e coa inclusión social, especialmente de persoas en situación de maior vulnerabilidade. Destacou que a orientación laboral que se proporcionará está adaptada ás demandas do mercado actual e centrada en competencias dixitais e verdes, ao tempo que celebrou os bos resultados das edicións anteriores do programa en Galicia.

Loading...