A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, participou hoxe na Coruña na mesa redonda organizada no marco da xornada Orgullo corporativo. Empresas e diversidade LGBTIQ+, organizada por Repsol e a Rede empresarial pola diversidade e inclusión LGBTI (REDI) e apoiada pola Xunta. Alí, destacou o compromiso do Goberno galego co fomento, sensibilización e formación á sociedade, especialmente ás organizacións empregadoras, para que teñan en conta a diversidade sexual, familiar e de identidade de xénero no ámbito laboral a través de accións formativas, recursos e información de actualidade co gallo de promover contornas laborais inclusivas para as persoas LGBTIQ+.
Na súa intervención, a secretaria xeral referiuse a accións concretas como a páxina específica sobre diversidade habilitada no campus autonómico de igualdade laboral, que recolle informes e estudos, principios e guías ou boas prácticas neste senso. No que respecta á formación, téñense promovido xa cursos sobre a realidade LGTBI na contorna laboral, sobre a negociación colectiva e as obrigas empresariais respecto ao colectivo e sobre medidas e recursos para alcanzar a igualdade real e efectiva das persoas LGTBI. Neste segundo semestre do ano, engadiu, afondarase no tratamento da igualdade e da non discriminación nos convenios colectivos e nas medidas de negociación que deben adoptar empresas e representación legal das persoas traballadoras para dar cumprimento ao marco normativo vixente e seguir avanzando cara á igualdade real.