A representante do Goberno autonómico informou que este taller formativo permitirá obter un certificado de profesionalidade en: instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes e en traballos de carpintaría e moble

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde da Laracha, José Manuel López, participou na inauguración do obradoiro de emprego A Laracha X, unha iniciativa que permitirá formar durante nove meses a 20 persoas desempregadas nas especialidades de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes e de traballos de carpintaría e moble. O programa conta cun investimento autonómico de preto de 475.000 euros, dos cales 20.000 son para catro incentivos que consisten en 3.000 euros para as empresas por persoa contratada e outros 1.500 para o concello por cada inserción alcanzada.

Durante a inauguración do obradoiro, a delegada da Xunta destacou que este programa constitúe “unha oportunidade real para mellorar a empregabilidade dos participantes, adquirir experiencia profesional e obter unha cualificación que facilite a súa incorporación ao mercado laboral”.

A representante autonómica puxo en valor a aposta do Goberno galego polos obradoiros de emprego, unha liña de actuación que permitirá este ano desenvolver preto dun cento de programas en toda Galicia, cun investimento de 48,1 millóns de euros para formar arredor de 2.000 persoas sen emprego.

Na provincia da Coruña están aprobados 20 obradoiros de emprego, cun investimento próximo aos 10 millóns de euros e dos que se benefician preto de 400 alumnos e alumnas. No caso da comarca de Bergantiños-Costa da Morte, a Xunta financia tres obradoiros de emprego cun orzamento de case 1,5 millóns de euros, que permitirán formar 60 persoas desempregadas. Ademais do da Laracha, participan nesta iniciativa os talleres promovidos por Carballo con Coristanco e por Vimianzo con Camariñas e Muxía.

No obradoiro A Laracha X, ao longo dos próximos nove meses, os alumnos-traballadores desenvolverán un total de seis actuacións. Entre elas, actuarase, no ámbito das zonas verdes, na mellora da contorna da reitoral de Montemaior. Ademais, levaranse a cabo intervencións na zona verde da urbanización Monteclaro, na contorna do parque O Recreo e da Praza da Cultura e no parque da Praza do Concello, contribuíndo á mellora destes espazos de encontro, lecer e convivencia para a veciñanza.

A maiores, no eido da carpintaría realizaranse traballos na reitoral de Montemaior e tamén en Gabenlle.

Belén do Campo destacou a aposta continuada da Xunta de Galicia por iniciativas que favorecen a formación práctica e a creación de oportunidades laborais para as persoas desempregadas. Neste sentido, incidiu en que os obradoiros de emprego permiten combinar aprendizaxe e experiencia profesional, facilitando a adquisición de competencias e habilidades moi demandadas no mercado laboral.

A delegada sinalou que este programa representa un exemplo de como a formación pode ir da man da mellora do territorio, xa que os participantes contribúen coa súa actividade á conservación e acondicionamento de espazos públicos de gran utilidade para a veciñanza.

Ademais, puxo o acento nas vantaxes da formación dual, un modelo que ofrece aos alumnos-traballadores a posibilidade de formarse mentres desenvolven unha actividade remunerada e obteñen unha certificación profesional recoñecida en todo o Estado. Tamén resaltou que o número reducido de participantes favorece un seguimento máis próximo e unha aprendizaxe adaptada ás necesidades de cada persoa.

A representante autonómica agradeceu a colaboración do alumnado, do equipo docente e dos concellos implicados, cuxo traballo coordinado resulta fundamental para impulsar actuacións que respondan ás demandas específicas de cada municipio. Así mesmo, lembrou que os concellos teñen un papel esencial na identificación das necesidades do territorio e na planificación de proxectos que repercuten directamente no benestar da cidadanía.

Para rematar, animou os participantes a afrontar esta etapa con dedicación e entusiasmo, aproveitando todos os recursos que lles ofrece o programa. Segundo indicou, este tipo de iniciativas constitúen unha ferramenta clave para mellorar as posibilidades de acceso ao emprego e abrir novas perspectivas de futuro profesional.

 

Loading...