José González salienta as pequenas e medianas empresas como columna vertebral da economía galega, xeradoras de riqueza, emprego de calidade e novas oportunidades para o territorio

Pon en valor o seu papel na consecución das cifras históricas que vén de rexistrar Galicia, que con 105.768 persoas paradas e 1.123.034 cotizantes á Seguridade Social no mes de xuño acada os mellores datos desde que hai rexistros

Destaca o traballo do Goberno galego a prol de ser unha Administración facilitadora, orientada a reducir trabas burocráticas e simplificar procedementos, ao tempo que avoga por garantir que a remuda xeracional se consolide como oportunidade real

No eido da colaboración público-privada, pon en valor as cámaras de comercio como entidades clave no apoio ao tecido empresarial, exercendo como ponte entre as políticas públicas e o sector produtivo

Incide na necesidade de seguir impulsando a cultura emprendedora e o labor do tecido autónomo como primeiro chanzo de moitas iniciativas empresariais, destacando o impacto da Rede de polos, que xa atendeu 1.400 proxectos nas cinco oficinas de Lugo

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou hoxe na X edición do Premio Peme do Ano Lugo 2026, organizado pola Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Lugo, onde tamén entregou o galardón principal a Logística Reyco, empresa especializada en transporte nacional e internacional de mercadorías e en servizos loxísticos.

Durante o acto, González deu os parabéns tamén aos catro accésits deste ano —Transmedia Comunicaciones y Prensa, Zuri Investiments, Terras de San Martiño Pacios e Gestión Gratelu— así como a mención especial ao legado empresarial de Grupo El Progreso. O conselleiro recoñeceu as pequenas e medianas empresas como columna vertebral da economía galega, xeradoras de riqueza, emprego de calidade e novas oportunidades para o territorio.

Ademais, sinalou a súa contribución aos bos resultados do mercado laboral galego, que con 105.768 persoas paradas e 1.123.034 cotizantes á Seguridade Social no mes de xuño, acada os mellores datos de desemprego e de afiliacións desde que hai rexistros. En canto a Lugo, reduce nun -4,70 %, o paro con respecto do mes anterior, sendo a provincia con maior descenso porcentual, mentres que o total de afiliacións (129.387) constitúen a mellor cifra nun xuño desde 2008.

Ademais, na súa intervención, González trasladou o compromiso da Xunta co tecido empresarial para acompañalo nos desafíos que afronta na actualidade, entre os que citou a cobertura de vacantes, a atracción e retención de talento, así como o reforzo do benestar laboral e a redución do impacto do absentismo. Neste contexto, referiuse ao papel do Goberno galego como unha Administración facilitadora, orientada a reducir trabas burocráticas e simplificar procedementos, ao tempo que avogou por garantir que a remuda xeracional se consolide como unha oportunidade real para o futuro do tecido produtivo galego.

Tamén, na súa firme defensa da colaboración público-privada, puxo en valor o papel das cámaras de comercio como entidades clave no apoio ao tecido empresarial, na formación, na internacionalización e na mellora da competitividade, exercendo como ponte entre a Administración e o sector produtivo.

Tecido autónomo e emprendedor

En relación co tecido autónomo e emprendedor, González incidiu na valentía de emprender e no papel dos autónomos, aos que definiu como o primeiro chanzo de moitas iniciativas empresariais e unha peza esencial do tecido produtivo. A este respecto, referiuse ao apoio da Xunta ao colectivo a través da orde unificada de axudas, cunha dotación próxima aos 41 M€ en 2026.

Así mesmo, subliñou a necesidade de impulsar a cultura emprendedora aliñada coas necesidades de cada contorna e enmarcou esta actuación nos obxectivos da Estratexia de emprendemento ligado ao territorio. Nesta liña, referiuse ao labor dos Polos de emprendemento e apoio ao emprego, aos que atribuíu un papel esencial na detección de oportunidades e no acompañamento de proxectos empresariais, sinalando que os cinco Polos existentes na provincia de Lugo —Friol, Mondoñedo, Sarria, A Fonsagrada e Monforte de Lemos— xa levan atendido xa máis de 1.400 proxectos.

Loading...