A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, acompañada polo director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, participou hoxe na Coruña na xornada de prevención do acoso laboral organizada por Nordés Club Empresarial. No peche do acto, Pérez Iglesias destacou o compromiso da Xunta de traballar da man dos axentes sociais para seguir fortalecendo un mercado laboral baseado no diálogo, na igualdade de oportunidades e na calidade do emprego. Só desde esa colaboración —sinalou— será posible avanzar cara a contornas laborais nas que o respecto sexa a norma e o acoso non teña cabida.

Na súa intervención, a secretaria xeral referiuse a accións concretas como a formación impulsada no marco do campus autonómico de igualdade laboral orientada á prevención e protección fronte ao acoso no traballo. Este curso, totalmente gratuíto e que vai pola súa vixésima edición, permite ás persoas participantes afondar en conceptos de acoso sexual e por razón de sexo, facilitando a identificación de conductas neste sentido. Tamén aborda a protección integral da liberdade sexual e da integridade moral no traballo. Neste senso, Roberto Barba fixo fincapé na importancia da contorna laboral á hora de previr e detectar casos de violencia de xénero, ao tempo que recordou que a Xunta creou unha guía de detección de indicios destinada ás empresas galegas.

Loading...