O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegáronse esta mañá ata a Casa da Artesanía de Galicia, onde hoxe se realizan dous cursos de estampaxe de panos tradicionais
Os días 11 e 12 de xullo está previsto un curso de bordado ao aire, impartido por Zeltia Rodríguez, para o que xa están todas as prazas cubertas
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegáronse esta mañá en Ribadavia ata o primeiro andar da Casa da Artesanía de Galicia, onde se están a desenvolver hoxe dous cursos de estampaxe de panos de algodón tradicional. Esta actividade forma parte da programación de divulgación e de promoción da Artesanía de Galicia nesta vila ourensá, no marco do proxecto Vilas Vivas impulsado pola Xunta.
A artesá Sandra Betanzos, do obradoiro Amor ó teu (Ames), é a encargada de impartir os dous cursos que se están a desenvolver en dúas quendas: unha de mañá en horario de 11,30 a 14,30 h. e outra de tarde, de 16,00 a 20,30 h. Nesta actividade, a docente está a amosar a técnica que emprega no seu obradoiro para estampar panos de algodón con diferentes motivos a través da técnica do estarcido, consistente en transferir un deseño a unha superficie aplicando pintura a través dos ocos recortados nun modelo.
Os días 11 e 12 de xullo terá lugar o curso de xoiería de bordado ao aire, impartido por Zeltia Rodríguez do taller Zeltia ao Aire (A Coruña), para o que están xa todas as prazas esgotadas. Neste obradoiro, as persoas asistentes iniciaranse no mundo do bordado ao aire mediante a elaboración dunhas pezas de xoiería baseadas en padróns tradicionais. Nas primeiras horas aprenderán as nocións básicas e finalizarán o curso coa elaboración dunha pulseira e duns pendentes de bordado ao aire.
Casa da Artesanía de Galicia
Vilas Vivas é un proxecto pioneiro de revitalización comercial impulsado pola Xunta co obxectivo de converter espazos en desuso en negocios rendibles e xeradores de emprego. Entre os locais acondicionados en Ribadavia atópase a Casa da Artesanía de Galicia, un espazo permanente de comercialización, promoción e divulgación do produto e dos oficios artesanais galegos, no que se están a realizar obradoiros e cursos de formación, co obxectivo de contribuír á dinamización desta vila ourensá.
Na planta baixa deste edificio está aberto un espazo de venda directa de produtos da marca Artesanía de Galicia no que se comercializan pezas de cerámica, xoiería e bixutería, xoguetes, tecido, coiro, complementos de moda e figuras tradicionais de miga de pan. A tenda está aberta de xoves a sábado en horario de 11,00 a 14,00 e de 17,00 a 21,00 horas, e os domingos de 11,00 a 15,00 horas.