A representante do Goberno autonómico informou que este taller formativo permitirá obter un certificado de profesionalidade en: actividades auxiliares en conservación e mellora de montes
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polos alcaldes de Aranga, Alberto Platas, Irixoa, Antonio Deibe, de Vilarmaior, Carlos Vázquez Quintián e o alcalde en función de Monfero, Alberto Cortizas, participou una inauguración do obradoiro de emprego Forestal Lambre Mandeo 2026, unha iniciativa que permitirá formar durante nove meses a 20 persoas desempregadas na especialidade de Actividades Auxiliares en Conservación e Mellora de Montes. O programa desenvólvese en colaboración cos concellos de Aranga, Irixoa, Monfero e Vilarmaior e conta cun investimento autonómico de preto de 455.000 euros. Pola súa banda, os rexedores agradeceron este apoio que lles permitirá ofrecer máis oportunidades laborais aos seus veciños e subliñaron que nestes momentos xa existe demanda laboral desta especialidade en empresas da contorna.
Durante a inauguración do obradoiro, a delegada da Xunta destacou que este programa constitúe “unha oportunidade real para mellorar a empregabilidade dos participantes, adquirir experiencia profesional e obter unha cualificación que facilite a súa incorporación ao mercado laboral”.
A representante autonómica puxo en valor a aposta do Goberno galego polos obradoiros de emprego, unha liña de actuación que permitirá este ano desenvolver preto dun cento de programas en toda Galicia, cun investimento de 48,1 millóns de euros para formar a arredor de 2.000 persoas sen emprego.
Na provincia da Coruña están aprobados 20 obradoiros de emprego, cun investimento próximo aos 10 millóns de euros e dos que se benefician preto de 400 alumnos e alumnas. No caso da comarca de Betanzos, a Xunta financia catro obradoiros de emprego cun orzamento de case 1,9 millóns de euros, que permitirán formar a 80 persoas desempregadas. Ademais do de Aranga, compartido con Irixoa, Monfero e Vilarmair, participan nesta iniciativa os talleres promovidos por Abegondo xunto con Oza-Cesuras, Bergondo, Carral, Paderne e Sada; Betanzos con Coiros; e Miño con Cabanas e Pontedeume.
No Obradoiro Forestal Lambre Mandeo 2026 ao longo dos próximos nove meses, os alumnos-traballadores desenvolverán un total de 17 actuacións de conservación e mellora de espazos naturais, recreativos e de uso social nos catro municipios participantes. En Aranga actuarase na área forestal do Mirador do Vieiro, na área recreativa fluvial de Ponte-Aranga e na área deportiva municipal do Centro Deportivo do Concello.
No municipio de Monfero levaranse a cabo traballos de conservación e acondicionamento da zona verde e forestal que rodea o Mosteiro, un espazo de gran valor patrimonial e ambiental.
En Vilarmaior acometeranse actuacións na senda fluvial do Muíño das Ferreñas, nas áreas recreativas da Armada, Torres, O Tres e Grandal, así como nas áreas sociais de Doroña e da Casa da Cultura, co obxectivo de mellorar estes espazos de encontro e convivencia.
Pola súa parte, en Irixoa desenvolveranse traballos de conservación nas rutas forestais SM6, entre Veiga do Mandeo e Xielas; SM7, entre Xielas e Ambalasaugas; e SM9, entre As Pías e Zarzo. Tamén se actuará nas áreas da Viña, da Graña e do Pazo de Irixoa.
A delegada da Xunta subliñou que este proxecto “combina formación, emprego e conservación do territorio, ao tempo que contribúe á mellora da calidade de vida da veciñanza e á posta en valor dos recursos naturais e sociais dos catro concellos”.
Así mesmo, destacou o valor engadido da formación dual, xa que os participantes contan cun contrato para a formación e a aprendizaxe, perciben unha remuneración económica e obteñen un certificado de profesionalidade con validez en todo o territorio nacional. Tamén incidiu en que os grupos reducidos permiten unha formación máis personalizada e próxima ás necesidades reais do mercado laboral.
A representante autonómica agradeceu o compromiso do alumnado, do persoal docente e das administracións locais implicadas e salientou a importancia da colaboración entre a Xunta e os concellos para desenvolver programas adaptados ás necesidades do territorio. Neste sentido, lembrou que os municipios desempeñan un papel fundamental na definición dos contidos e na execución de actuacións que repercuten directamente na mellora dos espazos públicos e naturais.
Por último, animou aos participantes a aproveitar ao máximo esta oportunidade e destacou que os obradoiros de emprego son unha das ferramentas máis eficaces para favorecer a inserción laboral. “Con esforzo, constancia e ilusión, esta experiencia pode marcar un antes e un despois nas vosas vidas profesionais”, concluíu.