No seu primeiro acto como secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias participou esta tarde no arranque do encontro ‘Medrando xuntas entre mulleres’, impulsado desde o Polo de emprendemento do Porriño
Destacou que o 55 % das máis de mil persoas emprendedoras que levan acudido a este centro son mulleres, unha porcentaxe moi similar á rexistrada no conxunto dos 15 Polos espallados por toda Galicia, que teñen atendido en total uns 6.700 proxectos
A xornada celebrada en Mondariz Balneario serviu ademais para presentar o programa autonómico Medrando Xuntas, concibido para fortalecer o papel das mulleres na economía social galega
A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, participou esta tarde no arranque do encontro Medrando xuntas entre mulleres, impulsado desde o Polo de emprendemento do Porriño. No seu primeiro acto desde que foi nomeada secretaria xeral, destacou que o 55 % das máis de mil persoas emprendedoras que levan acudido a este Polo son mulleres, confirmando o importante pulo feminino no eido do traballo por conta propia. Unha porcentaxe, sinalou, moi similar á rexistrada no conxunto dos 15 Polos de emprendemento espallados polo territorio galego, que teñen atendido en total arredor de 6.700 proxectos.
O acto celebrado na sede da asociación de mulleres rurais Entre Mulleres, en Mondariz Balneario, estaba dirixido a mulleres emprendedoras co gallo de que puidesen compartir experiencias, fortalecer redes de apoio e fomentar novas oportunidades de colaboración. Nesa liña, aproveitouse para presentar o programa autonómico Medrando Xuntas, concibido para fortalecer o papel das mulleres na economía social galega e no marco do que se celebrou a semana pasada un encontro final en Santiago de Compostela, no que se entregaron os recoñecementos Medrando Xuntas Impulsa 2026, distribuídos en tres categorías arredor do impacto social, da innovación e da sostibilidade.
Así, a xornada de hoxe serviu para poñer en valor esa iniciativa da Xunta que arrancou o pasado mes de abril con formacións, encontros e accións de visibilización que buscaban poñer no centro o talento e o liderado feminino, dirixidas tanto a mulleres traballadoras como socias e directivas das entidades da economía social. Dentro desas entidades, na categoría de Maior impacto social recoñeceuse o proxecto Currunchiños de conciliación, da Asociación de familias monomarentais de Galicia (Fagamos); no apartado de Innovación e creatividade a distinguida foi a cooperativa Elefantes Rosas e, por último, na categoría de Sostibilidade e economía circular, destacouse a iniciativa Tecendo redes, da Fundación Érguete Integración.