O secretario xeral técnico da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Joaquín Macho, presidiu esta semana a cuarta reunión técnica do grupo de traballo creado no Diálogo Social para definir as medidas neste eido
Consciente desta realidade, o Goberno galego decidiu abordala hai tempo buscando o consenso das partes implicadas e medidas para todos os ámbitos respectando en todo momento os dereitos das persoas traballadoras
A Xunta e os axentes sociais buscan avanzar en novas actuacións a prol do benestar laboral e de reducir o impacto do absentismo para incluílas no futuro plan integral sobre esta cuestión, do que se prevé contar cun borrador na primeira quincena de xullo
A este encontro sumaranse outros con máis axentes especializados na xestión das incapacidades temporais por continxencias comúns, responsables do servizo sanitario galego, das mutuas e expertos propostos polos axentes sociais
O secretario xeral técnico da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Joaquín Macho, presidiu esta semana a cuarta reunión técnica do grupo de traballo de Mellora do benestar laboral e redución do impacto do absentismo en Galicia. Nela, tanto a Xunta como os axentes sociais coincidiron na necesidade de actuar de xeito integral tendo en conta que o absentismo se trata dunha realidade complexa, tal e como reflicten os distintos informes -da USC e da UVigo, da AIReF e de Adecco, entre outros- que alertan do seu incremento.
Consciente desta situación, o Goberno galego decidiu abordala hai tempo desde o Diálogo Social buscando o consenso de todas as partes implicadas e tratando de concretar medidas para todos os ámbitos que inciden no absentismo respectando en todo momento os dereitos das persoas traballadoras. De feito, está a avanzar cos axentes sociais en novas actuacións para mellorar o benestar laboral e reducir o impacto do absentismo, co fin de incorporalas ao futuro plan integral sobre esta cuestión, do que se prevé contar cun borrador na primeira quincena de xullo co fin de aprobalo durante ese mes para comezar a aplicar as medidas o antes posible.
Mostra deste labor é a xuntanza desta semana do grupo de traballo de mellora do benestar laboral e redución do impacto do absentismo, na que participaron representantes dos graduados sociais. Nela incidiron na importancia de intensificar o traballo no eido da prevención de riscos laborais nas empresas e de que conten con protocolos de mellora do benestar laboral co fin de evitar que as persoas traballadoras cheguen á situación de baixa.
Esta comparecencia engádese ás anteriores co equipo redactor do informe da USC e da UVigo sobre o absentismo laboral en Galicia, con representantes de entidades relacionadas coa seguridade e saúde no traballo —entre elas o Issga—, especialistas en enfermería do traballo e persoal da Consellería de Sanidade; e a da semana pasada, coa participación de responsables de Recursos Humanos de empresas galegas de distintas tipoloxías e tamaño.
Deste xeito, búscase incorporar ao futuro plan integral, ademais das medidas adoptadas no eido sanitario galego para mellorar os procesos de xestión e control das baixas laborais —á marxe das que corresponden ao Goberno central—, outras relacionadas co benestar laboral, a prevención de riscos laborais e a sinistralidade para reducir as incapacidades temporais que son evitables.
Consolidación do Diálogo Social
Esta cuarta reunión do grupo de traballo de Mellora do benestar laboral e redución do impacto do absentismo enmárcase na recentemente constituída Mesa do Diálogo Social de Galicia trala súa institucionalización por consenso entre a Xunta, patronal e os representantes sindicais.
A este encontro sumaranse outros con máis axentes especializados na xestión das incapacidades temporais por continxencias comúns, responsables do servizo sanitario galego, das mutuas e expertos propostos polos axentes sociais. Todo isto tendo en conta que o absentismo laboral é unha realidade na que inciden múltiples factores cun elevado impacto na produtividade e na competitividade das empresas e do conxunto da economía e que implica a distintas administracións, tanto as autonómicas como o Goberno central.