A xerente da Fundación Artesanía de Galicia participou esta mañá na mesa redonda ‘O público como motor creativo’, na que se abordou o papel das institucións públicas na dinamización cultural, económica e de proxección exterior dos territorios
Pola tarde, Elena Fabeiro ten previsto participar nun encontro sobre novas alianzas arredor do deseño e da artesanía, xunto con representantes de marcas como Loewe
Artesanía de Galicia estará presente na segunda edición deste evento tamén a través dun taller impartido pola artesá Belén Leiro, gañadora dunha das Bolsas Eloy Gesto 2025, e da exposición dunha peza da cesteira Alba F. Castro
O II Festival de novas creacións do sur reivindica o sur xeográfico de Europa e de Andalucía como espazo de creación, onde a arte, a artesanía, a música e a vocación se reinventan en clave contemporánea
A Fundación Artesanía de Galicia colabora coa segunda edición do Festival de novas creacións do sur Sures, que se celebra en Cádiz ata este domingo 21 de xuño e que está enfocado na innovación, na cultura e na creación contemporánea desde a periferia. Esta mañá, a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou nunha mesa redonda titulada O público como motor creativo e, pola tarde, formará parte dun encontro sobre a colaboración entre a artesanía e o deseño.
Artesanía de Galicia está presente tamén no festival a través da participación da peza Halos, creada pola cesteira Alba F. Castro (Folgoso do Courel) na exposición Sures Exhibition, e dun taller de cestería contemporánea sobre trenzado de botellas con patróns xeométricos, impartido pola artesá Belén Leiro, de Casa Atlântica (Redondela), que resultou gañadora dunha das Bolsas Eloy Gesto 2025 nos Premios Artesanía de Galicia. A marca galega de roupa D-Due, con sede en Rianxo, tamén participará no evento, na sección Sures Slow Fashion.
Durante a mesa redonda, Elena Fabeiro presentou a estratexia da Xunta de impulso ao sector artesanal galego e incidiu en diferentes proxectos como a formación práctica en oficios e técnicas tradicionais para buscar a mellora da capacitación profesional e a chegada de novos talentos ao sector, así como o apoio á creación artesanal contemporánea vinculada ao territorio e ao rural ou ás sinerxías intersectoriais a través de proxectos coma Artesanía no Prato, que resultou galardoado co Premio Promociona Entidades Públicas 2025 nos Premios Nacionais de Artesanía.
Xa pola tarde, Elena Fabeiro tomará parte na mesa redonda Deseño e artesanía: novos retos, novas alianzas. Relato, mercado e estratexia para o presente contemporáneo, onde se analizarán novos mercados e novas formas de colaboración entre persoas artesás e grandes marcas, galerías ou comisarios. Xunto con Fabeiro, participarán no encontro Enrique de Santiago, da marca Loewe, Marta Valea, da galería Caotics, e Trini Salamanca e Pablo Párraga, do estudio Las ánimas.
O festival Sures está dirixido e comisariado polos deseñadores gaditanos Ana Sánchez e Daniel Vázquez e conta coa coordinación da xornalista Macarena Navarro-Reverter para a sección Talks, de mesas redondas e entrevistas. É un evento no que o deseño e a nova artesanía se unen á produción de proximidade e á economía circular como ferramentas de acción dunha creatividade sustentable.
Este evento busca reivindicar o sur xeográfico de Europa e de Andalucía como espazo de creación, onde a arte, a artesanía, a música e a vocación se reinventan en clave contemporánea á vez que se destaca a tradición milenaria que caracteriza a cidade de Cádiz e o propio espazo no que se desenvolve o festival —unha fortificación militar do século XVII— convertido en laboratorio de creación contemporánea.