A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, visitou hoxe o Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Vilanova de Arousa, onde participou na xornada Conectar para emprender, un encontro promovido para fortalecer a colaboración entre entidades, profesionais e iniciativas vinculadas ao apoio ao emprendemento no territorio.
Durante a súa intervención, a directora xeral puxo en valor o papel da Rede de Polos como ferramenta clave para acompañar a creación e consolidación de proxectos empresariais en Galicia, favorecendo a xeración de sinerxías e a cooperación entre os distintos axentes do ecosistema emprendedor. Neste sentido, salientou que os Polos de emprendemento da provincia de Pontevedra —O Porriño, Silleda e Vilanova de Arousa— levan atendidos máis de 1.800 proxectos, dos cales máis de 350 corresponden ao centro de Vilanova, consolidando así a súa contribución ao desenvolvemento económico e á creación de oportunidades de emprego no territorio.