A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, inaugurou o novo obradoiro dual de emprego promovido polos concellos de Abegondo, Bergondo, Carral, Oza Cesuras, Paderne e Sada cun apoio da Xunta de máis de 483.000 €

Un total de 20 persoas en situación de desemprego participan neste programa mixto de emprego e formación de nove meses de duración, que combina a aprendizaxe teórica cun contrato laboral remunerado

Entre outras intervencións, están previstos traballos de repoboación con especies frondosas, tarefas de limpeza, mantemento e conservación forestal e rehabilitación e acondicionamento de diferentes locais sociais

Zeltia Lado destacou esta iniciativa pola súa capacidade para mellorar as oportunidades de emprego das persoas participantes, ao tempo que repercute na mellora dos servizos e dos espazos públicos dos municipios implicados

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, inaugurou hoxe o obradoiro dual de emprego Reserva da Biosfera: Emprego Verde V, que promoven de maneira conxunta os concellos de Abegondo, Bergondo, Carral, Oza Cesuras, Paderne e Sada cun apoio da Xunta de máis de 483.000 euros.

Un total de 20 persoas en situación de desemprego participan neste programa mixto de emprego e formación de nove meses de duración, que combina a aprendizaxe teórica cun contrato laboral remunerado. A través desta iniciativa, o Goberno galego garante a formación do alumnado-traballador nas especialidades de repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción e operacións auxiliares de albanelería de fábricas e cubertas.

O alumnado completará a súa formación teórica coa execución de diferentes actuacións de mellora das dotacións públicas e dos espazos de uso público nos municipios participantes. Así, están previstos traballos de repoboación con especies frondosas, tarefas de limpeza, mantemento e conservación forestal de zonas verdes e fincas rústicas nos cinco municipios participantes. Ademais, desenvolveranse intervencións de rehabilitación e acondicionamento de locais sociais e outras actuacións de mellora de espazos públicos, como as previstas no Parque de Posse, en Sada, entre outras.

Durante a inauguración, a directora xeral convidou ás persoas participantes a aproveitar ao máximo esta oportunidade formativa e profesional, incidindo en que a experiencia práctica que adquirirán ao longo destes meses será un importante valor engadido para facilitar a súa incorporación ao mercado laboral. Así mesmo, destacou esta iniciativa polo seu marcado carácter social e pola súa contribución a mellorar as oportunidades de empregabilidade das persoas participantes, ao tempo que repercute directamente na mellora dos servizos e dos espazos públicos dos concellos implicados. Ademais, puxo os obradoiros duais de emprego como exemplo dunha fórmula eficaz para dar resposta ás necesidades do territorio, ao combinar formación acreditable, experiencia profesional real e colaboración entre as administracións públicas, favorecendo a creación de perfís profesionais adaptados ás demandas actuais dos sectores forestal e da construción.

Formación e emprego en colaboración coas entidades locais

Os obradoiros poden ser solicitados por concellos, mancomunidades e entidades públicas dependentes. Cada proxecto conta cun grupo máximo de 20 participantes e na selección do alumnado teñen prioridade aquelas persoas con especiais dificultades de inserción laboral, como mulleres, vítimas de violencia de xénero, emigrantes retornados, persoas desempregadas de longa duración, maiores de 52 anos ou persoas sen titulación superior, así como persoas con discapacidade ou beneficiarias da renda básica de inserción.

Durante os nove meses de duración do programa, o alumnado pode obter un certificado de profesionalidade e realizar un traballo remunerado de interese público, abríndose ademais a posibilidade de continuar empregado durante un mínimo de tres meses nunha empresa do sector, grazas aos incentivos para favorecer a inserción laboral. Durante a duración do obradoiro, a Xunta asume tanto a financiación da formación como os custos salariais derivados dos contratos do alumnado traballador.

Loading...